Redacción •  Galicia •  13/02/2026

Esquerda Unida lamenta o pasamento de Xesús Alonso Montero

Esquerda Unida lamenta o pasamento de Xesús Alonso Montero

Dende Esquerda Unida expresamos a nosa fonda dor polo falecemento de Xesús Alonso Montero, referente intelectual e ético do país, catedrático, ensaísta, militante comprometido e defensor incansable da lingua e da cultura galega.

Coa súa marcha, Galicia perde unha das voces máis lúcidas e valentes na defensa do noso idioma e da dignidade colectiva. Alonso Montero fixo da palabra unha ferramenta de conciencia crítica e de transformación social, entendendo sempre a cultura como un espazo de resistencia fronte ás inxustizas.

A súa traxectoria vital estivo marcada polo compromiso coa democracia, coa memoria histórica e cos dereitos das maiorías sociais. Sufriu a represión do franquismo e converteu esa experiencia nunha razón máis para non calar nunca. O seu labor na recuperación da memoria republicana constitúe unha achega impagable á verdade, á xustiza e á reparación.

Como profesor e investigador, deixou unha pegada imborrable en xeracións de alumnado e no estudo das nosas letras, contribuíndo decisivamente ao coñecemento e á dignificación da literatura galega.

En Esquerda Unida queremos salientar tamén a súa dimensión humana: a súa xenerosidade, a súa humildade e a súa convicción profunda de que a loita pola igualdade é inseparable da defensa da cultura e da identidade dun pobo.

Enviamos unha aperta agarimosa á súa familia, amizades e a todas as persoas que hoxe senten esta perda. O mellor xeito de honrar a súa memoria será continuar o camiño que el percorreu con firmeza: o da defensa da lingua, da xustiza social e da dignidade democrática.


Esquerda Unida /