Folga indefinida en BorgWarner por incumprimentos nas categorías profesionais e no plan de igualdade
- Dará comezo o vindeiro mércores día 15 e afectará os tres centros de traballo de Vigo, Nigrán e O Porriño.

O comité de empresa (10 representantes da CIG, 6 da UGT, 2 da CGT, 2 de USO e 1 de CCOO) de BorgWarner Emissions System Spain SL, con centros de traballo en Zamáns (Vigo), Porto do Molle (Nigrán) e no polígono da Granxa (O Porriño), vén de anunciar unha convocatoria de folga indefinida a partir do vindeiro mércores día 15 ante os incumprimentos en materia de categorías profesionais e do plan de igualdade.
Segundo explican dende a representación do cadro de persoal, a compañía vén incumprindo o acordo de outubro 2023 que obrigaba a actualizar o encadramento das categorías profesionais e dos postos de traballo recollidos no convenio colectivo, “logo dun período de negociación interno nas distintas comisións de traballo no que a dirección amosou un bloqueo total e mala fe negociadora, chegando a vulnerar a liberdade sindical no eido da negociación colectiva, xa que a empresa crea e negocia coas persoas traballadoras de forma individual en materia de clasificación profesional”.
Outro dos motivos do paro indefinido que dará comezo ás 22:00 horas do martes 14, ten que ver coa obstaculización da negociación do III Plan de Igualdade, xa que nun período dun ano as partes só tiveron oito xuntanzas, “optando a dirección por dilatar e incumprir o regulamento asinado ao non facer entrega da documentación legalmente establecida”. E tamén coa falta de resposta reiterada ás peticións, preguntas e obrigas legais que ten a dirección co comité.
Fondos públicos
O comité de BorgWarner, presidido pola CIG, lembra que dende hai anos a multinacional está a percibir unha gran cantidade de fondos públicos, tanto a través dos Gobernos do Estado español e da Xunta de Galiza como do resto de administracións a través de fondos PERTE, para proxectos relacionados co vehículo eléctrico, “polo que non entendemos esta postura radical e incumpridora da dirección actual da empresa cara ás persoas traballadoras”.
En consecuencia, o persoal optou por iniciar unha serie de mobilizacións diante da empresa que agora levan un paso máis alá coa convocatoria dunha folga indefinida.