Redacción •  Galicia •  12/02/2026

Rego exixe a Sánchez mellorar e modernizar a rede de camiños de ferro e os servizos ferroviarios

Néstor Rego traslada o pesar e a solidariedade do BNG ás vítimas e familiares dos accidentes de Adamuz e Gelida: “non pode acontecer o que ocorreu en Angrois”.

“Resulta inaceptábel actuacións como a suspensión dos servizos ferroviarios no Eixo Atlántico sen aviso e sen alternativa de transporte” denuncia Rego ante Sánchez.

A organización nacionalista demanda actuacións de mantemento, mellora e modernización da rede ferroviaria.

Rego pide a Sánchez “levantar a voz para defender a legalidade internacional e o respecto á soberanía dos pobos” para reclamar o fin do bloqueo en Cuba e unha Palestina e un Sáhara libres.

Rego exixe a Sánchez mellorar e modernizar a rede de camiños de ferro e os servizos ferroviarios

Durante a comparecencia do Presidente do Goberno, Néstor Rego reclama a Sánchez actuacións urxentes para manter, mellorar e modernizar a rede ferroviaria para que non se volvan a repetir accidentes como o de Adamuz, onde exixe “axilidade, transparencia e tratamento adecuado ás vítimas”. No eido internacional, o deputado nacionalista demanda levantar a voz ante os Estados Unidos e defender a legalidade internacional e o respecto á soberanía dos pobos.

Verdade, xustiza e reparación para as vítimas e familiares: “que non se repita o accidente de Angrois”

No marco da comparecencia do Presidente do Goberno no pleno do Congreso, o deputado nacionalista, alén de trasladar o pesar e a solidariedade do BNG coas vítimas e familiares de Adamuz e Gelida, sinala que “non pode acontecer con estes o que ocorreu co accidente de Angrois” onde “houbo un pacto de silencio entre PP e PSOE para tapar as responsabilidades compartidas por Ana Pastor e José Blanco na construción da liña e na decisión de non instalar o sistema de freado automático ERTMS”.

“O peor foi o abandono das vítimas e das familias sen que fosen debidamente atendidas nin recibidas por ministras e ministros do PP e do PSOE, sen que se tivese realizado unha investigación en profundidade realmente independente” lembra Rego.

En opinión do deputado do BNG, é preciso investigar en profundidade e de maneira independente para que tamén “sexan asumidas as responsabilidades a que houber lugar”. “Reclamamos axilidade, absoluta transparencia e tratamento adecuado ás vítimas para alén das necesarias actuacións de mantemento, mellora e modernización da rede ferroviaria” incide.

O caos ferroviario na Galiza: irresponsabilidade e discriminación

“Resulta inaceptábel actuación como a acontecida na pasada semana no Eixo Atlántico, coa suspensión durante 72 horas dos servizos ferroviarios sen previo aviso e sen alternativa de transporte por estrada e sen o consentimento de ADIF” denuncia o deputado nacionalista, sinalando que a alerta era coñecida con anterioridade, que “deixou tirados a millares de usuarios e usuarias durante tres días”.

Segundo explica Rego, agora o Goberno acorda un protocolo de actuación para os casos de alerta meteorolóxica, “mágoa que na pasada semana non aplicasen no mínimo o sentido común porque a prudencia é necesaria mais non é incompatíbel coa previsión e a organización de alternativas”. Neste sentido, cualifica a decisión da semana pasada de non fornecer transporte alternativo por estrada de “irresponsábel e unha discriminación co noso País”.

Levantar a voz para a liberdade dos pobos e o respecto internacional

O deputado do BNG no Congreso aproveita a comparecencia no pleno do Congreso para denunciar a ofensiva imperialista do Estados Unidos e a submisión da Unión Europea e os Estados europeos -tamén o español- que “prefiren agachar a cabeza e obedecer os mandatos de Trump” incluída a compra de material militar que só contribúe a alimentar a escalada belicista.

“Exiximos ao Goberno levantar a voz para defender a legalidade internacional e o respecto á soberanía dos pobos. Levantar a voz para defender Cuba e que se poña fin ao bloqueo; para defender unha Palestina libre e un Sáhara libre; para rexeitar amezas, intervencións e bombardeos e para defender políticas de Paz” afirma o deputado nacionalista.

Por último, reitera a Sánchez a necesidade de fechar as bases norteamericanas en territorios do Estado español e saír da OTAN, unha demanda que forzas políticas como o BNG levan reclamando máis de 40 anos: “xa é moito hora de facelo” sentenza.


ferrocarril /