Redacción •  Galicia •  12/01/2026

Esquerda Unida apoia a reivindicación dos agricultores galegos e rexeita o acordo UE–MERCOSUR

  • Alba Torreiro: “O acordo UE–MERCOSUR é un tratado neoliberal que aprofunda a apertura de mercados sen garantir dereitos sociais nin estándares ambientais e sanitarios efectivos, favorecendo ás grandes multinacionais sobre as pequenas e medianas producións agrarias”.
Esquerda Unida apoia a reivindicación dos agricultores galegos e rexeita o acordo UE–MERCOSUR

Esquerda Unida expresa o apoio ás reivindicacións dos gandeiros e agricultores galegos, que desde hai máis de 24 horas manteñen o corte da autovía A-52 ao seu paso por Xinzo de Limia (Ourense) como acción directa contra o acordo comercial entre a Unión Europea e o MERCOSUR. “Nesta mobilización – afirma Alba Torreiro, responsable de Área Externa de EU-, agricultores e gandarías, acompañados dos seus tractores, reivindican que o tratado actuará como unha ameaza ás explotacións locais e ao conxunto do sector primario galego e español”.

Esquerda Unida comparte plenamente as razóns que están a levar ao movemento agrario a saír á rúa e a bloquear infraestruturas estratéxicas. “Dinámicas coma o acordo UE–MERCOSUR, tal e como denunciamos repetidamente, poñen en perigo a viabilidade económica das explotacións familiares, debilita a soberanía alimentaria e fomenta a competencia desleal que o campo galego xa sente nas súas propias carnes” engade Alba Torreiro.

A presenza e persistencia das accións de protesta en Galicia – e de forma simultánea noutras partes do Estado e de Europa – “non son anecdóticas, senón expresión dunha profunda preocupación do sector primario perante un tratado que, de ser ratificado tal como está formulado, suporía unha competencia inxusta e un impacto devastador nos prezos en orixe, no emprego rural e na biodiversidade” matiza Alba Torreiro.

Esquerda Unida reitera a súa chamada para rexeitar a ratificación do acordo UE–MERCOSUR nos seus termos actuais. Así mesmo, fai un chamamento ao Goberno do Estado e á Xunta de Galicia para que escoiten de forma activa as reivindicacións das organizacións agrarias e participen na procura de solucións que protexan o modelo produtivo galego, a transición agroecolóxica e os dereitos das persoas traballadoras do campo.

“A alimentación non pode converterse nun simples produto de libre comercio ao servizo dos mercados globais: é un dereito fundamental e unha cuestión estratéxica para a sociedade, e así debe ser tratada polas políticas públicas. Dende Esquerda Unida estaremos ao lado das mobilizacións populares que defendan un modelo comercial xusto, ecolóxico e solidario” conclúe a responsable de Área Externa de Esquerda Unida.


acuerdo UE-Mercosur /