Solidariedade Obreira •  Galicia •  11/12/2025

Arqueoloxía: o voluntariado é escravismo

Arqueoloxía: o voluntariado é escravismo

Desde a Sección de Arqueoloxía de Solidariedade Obreira queremos denunciar a perpetuación do traballo non remunerado no eido arqueolóxico por parte das institucións públicas e das universidades.

Baixo o pretexto do “voluntariado”, continúan a sosterse centos de proxectos de investigación arqueolóxica nos que se emprega man de obra gratuíta, sen remuneración nin cotización á Seguridade Social. Estas prácticas, amplamente estendidas nas universidades galegas, están a consolidar un modelo de explotación laboral encuberta, especialmente grave nun sector xa precarizado como é o da arqueoloxía.

Os proxectos promovidos por entes públicos —nomeadamente as universidades— xeran unha enorme cantidade de información científica que logo é capitalizada por catedráticos/as, investigadores/as principais e persoal con contratos estables. Estes beneficios tradúcense en publicacións científicas, puntuacións na carreira académica, promocións salariais e obtención de cátedras. Mentres tanto, as persoas que realmente executan o traballo de campo e o labor analítico —maioritariamente mulleres novas en fase formativa ou de inserción laboral— permanecen invisibilizadas e sen recoñecemento nin compensación.

Esta situación provoca a cronificación da precariedade, alonga o acceso ao mercado laboral e perpetúa unha fenda social e de xénero dentro da profesión. Non se trata só dunha cuestión laboral, senón dunha cuestión de xustiza social.

No contexto galego, existen exemplos concretos que ilustran esta realidade, como as escavacións da Cova Eirós ou de Armeá. Nestes casos, as “voluntarias” asumen as tarefas de campo e análise de materiais, mentres o investigador principal —que apenas participa activamente nas campañas— asina en solitario os artigos científicos e obtén todos os réditos profesionais. Estes abusos, avalados polas principais universidades públicas galegas, como a Universidade de Vigo e a Universidade de Santiago de Compostela, amosan a cara máis inhumana dunha estrutura que debería estar ao servizo do ben común.

Como entidade sindical comprometida cos dereitos laborais e a dignidade profesional, esiximos o fin inmediato destas prácticas e a creación de condicións laborais xustas, que garantan a remuneración digna, a cotización e o recoñecemento profesional das persoas que traballan na arqueoloxía.

A arqueoloxía non pode continuar a sosterse sobre o traballo gratuíto, especialmente nun contexto universitario público. Cómpre rachar de vez coa lóxica do “voluntariado” como man de obra encuberta e avanzar cara a un modelo profesional, ético e igualitario.

Sen arqueólogas, non hai patrimonio. Sen dignidade, non hai futuro.


precariedad laboral /