Redacción •  Galicia •  11/09/2022

Ana Pontón urxe un verdadeiro plan de resposta á crise nos orzamentos da Xunta de 2023

  • Recalca que o BNG si ten propostas concretas cun plan de medidas que mobiliza 1.000 millóns para axudar aos galegos e ás galegas a saír da crise.
  • Advirte que as decisións que toma a UE prexudican ás maiorías sociais e defende cambios estruturais valentes: novo marco regulador do mercado eléctrico, creación dunha empresa pública de enerxía e tarifa eléctrica galega
Ana Pontón urxe un verdadeiro plan de resposta á crise nos orzamentos da Xunta de 2023

A portavoz nacional, Ana Pontón, reclamou ao Goberno galego que inclúa nos orzamentos de 2023 un “verdadeiro” plan de resposta ante a crise de prezos que está castigando aos galegos e ás galegas e fronte á que a Xunta, no canto de actuar, está “convertida nunha terminal dos intereses electorais do señor Feixóo en Madrid”.

Pontón empregou os datos de inflación -disparada en Galiza cun 11,5%, o que comparado co que pasa no Estado significa que os galegos e as galegas son un 1% máis pobres con pensións á cola e salarios por debaixo da media e estando entre as tres comunidades con peores datos de inflación interanual- e os do Índice de Produción Industrial -que vén de rexistrar un descenso do 7% en Galiza mentres a media do Estado sube un 1%- para sinalar “ata que punto as políticas centralistas prexudican a Galiza e ata que punto as políticas do PP debilitan ao noso País e están facéndonos retroceder”.

Neste contexto e durante a súa intervención no Consello Nacional do BNG, afirmou que “xa non é que a Xunta non estea á altura, é que está unicamente traballando como oposición da oposición e cun gabinete ao servizo dos intereses do PP practicando a peor das políticas porque cren que canto peor lle vaia á maioría dos galegos e galegas, canto máis lle suba a luz, a gasolina ou a cesta da compra, mellor lle vai a ir ao PP en Madrid”.

Así pois, indicou que “Galiza necesita un goberno que defenda os intereses dos galegos e das galegas e non os intereses electorais do PP” e, neste sentido, recordou as “propostas concretas” do Bloque, que pasan por mobilizar 1.000 millóns de euros para financiar medidas nos ámbitos nos que a Xunta pode actuar e que concretou en catro eixos básicos: rescatar ás persoas vulnerables e máis desfavorecidas; un programa de medidas para salvar sectores estratéxicos da economía e garantir o emprego, cunha aposta clara pola innovación; reforzar os servizos públicos esenciais, entre os que citou a educación, os coidados e a sanidade, ámbito este último no que defendeu un plan de choque “para frear o deterioro da Atención Primaria”; e un fondo extraordinario de investimentos en enerxía, mobilidade, vivenda e auga.

Pontón asegurou que a prioridade do BNG é “estar ao lado dos galegos e das galegas” neste momento tan complicado, “con propostas e con alternativas e sabendo que neste País hai potencial para saír adiante se se deixan tomar as decisións que neste momento se necesitan”, e incidiu en que é agora cando “necesitamos gobernos valentes que pensen en Galiza e que non sexan sumisos nin a Madrid, nin a Bruxelas, nin aos grandes lobbys económicos”.

A líder nacionalista fixo unha reflexión máis fonda sobre o contexto actual e criticou a toma de decisións por parte da UE que, segundo dixo, van en contra das traballadoras e traballadores, das e dos pensionistas, dos sectores produtivos e das persoas autónomas. “A UE está provocando máis inflación; as sancións que se toman contra Rusia non paran a guerra, non están prexudicando a Rusia senón que están prexudicando á cidadanía galega e ao conxunto da cidadanía europea con máis inflación”, afondou para explicar a continuación que “estamos deixando de mercar gas e petróleo a Rusia para mercarllo a EEUU a un prezo moi superior e, por certo, obtido con métodos moi contaminantes como o fracking, que prohibimos no noso País”.

Logo de advertir tamén que o anuncio da subida de tipos de interese supón “un mazazo para as economías familiares, para as PEMES do noso País e para os nosos sectores produtivos”, ás e aos que lles provocará un novo castigo no peor desta crise, cualificou de erradas as decisións tomadas durante as últimas décadas e considerou urxente avanzar noutra dirección: “apostar pola paz, por medidas que poñan fin a esta guerra e tamén ser conscientes de que temos problemas estruturais que hai que abordar con decisión porque é a única maneira de evitar que nesta crise se repitan os erros do pasado e que vexamos de novo que son as e os de sempre que pagan as consecuencias dunha crise económica que non crearon”.

Así pois, e logo de denunciar a “auténtica estafa á maioría social” que demostran os escandalosos beneficios dos lobbys económicos -que exemplificou repasando as contas de resultados de eléctricas e banca no primeiro semestre do ano-, avogou por poñer os intereses das maiorías sociais por diante dos intereses dunha minoría con decisións valentes como a consideración da enerxía eléctrica como “un ben público co que non se debe especular senón que debe estar ao servizo da sociedade”.

Nesta liña, a portavoz nacional do BNG defendeu un cambio na regulación do mercado eléctrico “que acabe con eses escandalosos beneficios caídos do ceo”; a creación dunha empresa pública de enerxía; a posta en marcha dunha tarifa eléctrica galega “porque a xustiza eléctrica tamén ten que chegar a Galiza para frear o espolio enerxético”, así como que os impostos ás eléctricas é a banca “teñen que poñerse xa en marcha e sen perder máis tempo e teñen que vir para quedar”.

“É preciso poñer en marcha un novo modelo enerxético que nos permita tamén facerlle fronte á emerxencia climática que vive o noso País”, recalcou para advertir a continuación como o que se falou sobre unha transición enerxética xusta “está quedando nunha especie de postureo por parte das institucións europeas e tamén do Estado español, con medidas contrarias a calquera transición ecolóxica”.

Partida de 21 millóns para o Plan Galego de Prevención do Suicidio

Por outra parte, e coincidindo co Día Mundial da Prevención do Suicidio, apelou á necesidade de destinar máis recursos á atención da saúde mental en Galiza, coa segunda maior taxa de suicidios de todo o Estado español e unha taxa de cobertura de psicólogos e psicólogas clínicas que está á cola de Europa (a media europea é en 18 psicólogos e psicólogas por 100.000 habitantes; a estatal, en 6 e en Galiza sitúase en 3,5).

Neste sentido, indicou que “este País necesita que os plans se poñan en marcha”, dado que o anunciado Plan Galego de Prevención do Suicidio “só está no papel e non está nos orzamentos”, polo que reclamou que as contas da Xunta do próximo ano recollan unha partida de, como mínimo, 21 millóns de euros para este plan.


ayudas sociales /