A Plataforma Veciñal Mina Touro celebra o premio Moncho Valcarce 2025
- Os premiados neste 2.025 son, na categoría “Pola Defensa da Terra”, a Plataforma veciñal Mina Touro-O Pino Non e categoría “Pola promoción da Terra” á escritora Margarita Ledo Andión.
- A entrega dos recoñecementos tivo lugar este sábado, 10 de maio no acto convocado pola Irmandade Moncho Valcarce.

A Plataforma Veciñal Mina Touro celebrou a recepción do premio concedido pola Irmandade Moncho Valcarce.
Un recoñecemento que lles foi entregado este sábado, na categoría de ‘Pola Defensa da Terra‘ xunto á escritora Margarita Ledo Andión recoñecida ‘Pola promoción da Terra‘.
A Plataforma agradeceu o recoñecemento, indicando que supón un impulso para todas as persoas que actúan para evitar o establecemento do proxecto polo seu impacto ambiental e social.
«Agradecemos á Irmandande Moncho Valcarce que nos outorgaran este ano o recoñecemento na categoría “Pola defensa da Terra” que vimos de recibir; simboliza o recoñecemento de todas as persoas loitadoras, sensibles a estas situacións alí onde se dean, e buscan a maneira de combatilas; defendemos o noso territorio, defendemos o dereito a vivir no rural, defendemos os nosos medios de vida, temos o compromiso de facelo ahora máis que nunca, como lle gustaría a Moncho Valcarce e compartímolo con todas as loitas locais que defenden o territorio».
A Plataforma sinalou que continuará adiante coas súas reivindicacións e as súas accións en contra da apertura dunha mina, lembrando o seu labor desde a súa fundación en setembro de 2017, cando foi anunciado o proxecto.
«A loita contra a mina continua, as veciñas e veciños seguimos, casi 8 anos despois, cun camiño andado e moito aprendido; non nos pillan de novas, e cos apoios que nunca faltan. Calquera persoa que sinta esta loita como propia e sea sensible a esta situación, forma parte dela alí onde se atope, a sua voz e os seus feitos axudarán a que non nos enmudezan como pretenden, porque aquí SÍ protexemos o noso territorio«.
Ademais rememoraron que «xa viviramos entre os anos 1976 e 1988 do século pasado a experiencia da mina, que foi culpable de expropiación de terras de cultivo e monte, da eliminación de numerosas fontes e pozos de auga de consumo da poboación e para os traballos agrograndeiros, ademáis da contaminación dos ríos do entorno da mina que chegou ata a o río Ulla, e que persiste máis de 35 anos dende que pechou a mina».