Inspección de Traballo levanta acta por infracción grave ao Hospital Quirónsalud por vulnerar o dereito á folga do seu persoal
O informe acredita que a empresa practicou ‘esquirolaxe interna’ durante as folgas polo convenio da sanidade privada da Coruña

A Inspección de Traballo vén de estender acta de sanción por infracción grave contra o Hospital Quirónsalud da Coruña (Instituto Policlínico Santa Teresa) por vulnerar o dereito fundamental á folga do seu persoal, durante os paros dos días 15, 16 e 17 de 2024 en demanda dun convenio colectivo digno na sanidade privada.
O informe da Inspección de Traballo, emitido tras a denuncia presentada pola CIG-Saúde, é moi contundente e recoñece que a empresa practicou unha ‘esquirolaxe interna’ durante esas xornadas, ao substituír o persoal do servizo de admisión de radioloxía que secundou a folga por persoal doutros departamentos.
O escrito recolle que este persoal alleo realizou “función distintas das que fai habitualmente, asumindo as funcións que corresponderían ao persoal de admisión de radioloxía”. Aclara ademais que os prazos estabelecidos para a realización das probas radiolóxicas non eran urxentes, polo que “non deberían terse realizado nos días de folga”.
“Estas tarefas non eran urxentes e polo tanto non xustificaban a substitución do persoal en folga. A única motivación da empresa era o beneficio económico, pasando por enriba dos nosos dereitos”, denuncia a presidenta do comité e delegada da CIG, Laura Méndez, quen cualifica o proceder empresarial como “moi grave”.
A representante do persoal rexeita con contundencia este tipo de prácticas patronais, que foron habituais durante as nove xornadas de folga convocadas no sector no marco do conflito por un convenio provincial digno. “A empresa buscaba minar a nosa forza e vulnerar o noso dereito á folga”, salienta Méndez, lembrando que este centro hospitalario foi un dos que maior seguimento rexistrou dos paros.
A resolución da Inspección de Traballo é firme e determina que Quirón (un dos principais grupos estatais da sanidade privada) actuou de maneira ilegal, vulnerando o dereito fundamental á folga. Esta conduta constitúe unha infracción laboral tipificada como grave, polo que tamén estende acta de infracción. Agora será a autoridade laboral competente quen determine a contía económica da sanción.