Redacción •  Galicia •  10/04/2026

A Estratexia galega da paisaxe: Horizonte 2030 non podería ser de aplicación en Touro e O Pino se abre a mina

A Estratexia galega da paisaxe: Horizonte 2030 non podería ser de aplicación en Touro e O Pino se abre a mina

O proxecto de reapetura da mina de Touro contempla a utilización de explosivos tipo Goma-2, cunha media de 15.000 kg en cada unha das previstas diariamente, á hora do xantar, entre os cambios de turnos do persoal.

Estudos recentes indican que no proceso de voaduras con dinamita libéranse gases e polvo. Nubes de polvo con partículas en suspensión PM10 e PM5, gases tóxicos como óxido de nitróxeno, monóxido de carbono, dióxido de xofre, que poden ocasionar olores ou irritación nun radio de máis de 1000 metros, dependendo da intensidade e dirección do vento.

O polvo en suspensión producido polas voaduras en minas metálicas é un efecto persistente que, dependendo da velocidade do vento, a nube de polvo pode desprazarse varios kilómetros e depositarse en vivendas, cultivos, alimentos, persoas, animais.

As voaduras desta magnitude tamén xeran vibracións no terreo que poden afectar a estructuras cercanas ou sentirse nun radio de entre 500 e 2000 metros. A este respecto dende o colectivo Mina Touro O Pino NON, temos que lembrar que o proxecto en estudio para reabrir a mina de Touro sitúase a menos de 200 metros das vivendas habitadas máis cercanas en Arinteiro, podendo incluso ocasionar que saian rochas disparadas a distancias de máis de 500 metros, vibración de cristais ou portas a distancias incluso maiores, como xa se vivira coa anterior explotación mineira.

Esta actividade modifica a paisaxe, o que xera erosión no terreo e un gran impacto visual a longas distancias, con cortas que poden chegar a máis de 200 metros de profundidade, un paisaxe difícilmente recuperable en moitos anos dende que chegue a cesar a actividade.

A fragmentación das rochas poden liberar metais pesados e os residuos poden infiltrarse no chan e nas augas superficiais e subterráneas, o que ocasionaría a contaminación de acuíferos e captacións de auga para consumo humano.

Ningún destes efectos está contemplado, analizado e cuantificado no proxecto mineiro, simplemente se intentará que non suceda, sin explicar que pasará cando acontezan nin o tipo de responsabilidade que asumirá a mercantil e cal terá que ir a conta das arcas públicas ou da cidadanía.

Este tipo de actividades van en contra dos eixes estratéxicos da paisaxe, anunciados polo Goberno galego, que promoven a posta en valor do patrimonio paisaxístico, así como en contra da mellora da calidade de vida e benestar das persoas, das contornas do Camiño de Santiago, contra a política de fomento da produción multifuncional dos montes galegos, co impulso, por exemplo, de produtos non madeireiros como o mel ou os cogomelos, ou o desenvolvemento de solucións baseadas na natureza, como a rehabilitación de soutos.

A mellora da calidade de vida e do benestar da veciñanza, ofrecendo espazos de uso público sostibles, saudables e respectuosos coa paisaxe para a xente de Touro e o Pino, cunha mina no medio das suas aldeas, non se vería cumprido, estásenos excluindo dos eixes estratéxicos acordados na Estratexia galega da paisaxe: Horizonte 2030, acordados polo Goberno galego.


minas /