BNG rexeita a proposta do Goberno sobre financiamento autonómico: “insuficiente, centralista e lesiva para a Galiza”
- Rego di que a proposta “non é nin un punto de partida” e exixe un verdadeiro novo modelo de financiamento para a Galiza baseado no concerto económico.
- O BNG cualifica a proposta como “un exercicio de maquillaxe do modelo actual”: mantén o cariz centralista e centralizador mentres que as modificacións afectan gravemente á Galiza.

O Bloque Nacionalista Galego rexeita a proposta presentada polo Goberno do Estado para a reforma do sistema de financiamento autonómico, ao considerar que “non é nin sequera un punto de partida” para abordar unha mudanza real que corrixa o infrafinanciamento que sofre a Galiza. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, defende para a Galiza un novo modelo baseado no concerto económico.
Néstor Rego cualifica a proposta anunciada pola ministra de Facenda como “un exercicio de maquillaxe do modelo actual, que non supón unha verdadeira reforma nin un cambio de paradigma”. “Non estamos diante dun novo sistema de financiamento, senón do mesmo modelo centralista e centralizado con pequenos retoques” subliña Rego.
O BNG amosa o seu escepticismo e crítica ante unha proposta que segue sen recoñecer a singularidade da Galiza, nin a súa realidade fiscal, económica e territorial. “Non se resolve o infrafinanciamento estrutural que vén lastrando a Galiza co sistema actual, nin se atende as nosas necesidades reais” denuncia Rego.
Un dos aspectos máis preocupantes para o BNG é a modificación á baixa dos factores que máis encarecen a prestación dos servizos públicos na Galiza. “Os dous elementos que máis inciden no custo dos servizos públicos redúcense de maneira inxustificada: o envellecemento pasa de 8,5 a 7% e a dispersión poboacional baixa de 0,6 a 0,5%. Isto prexudica gravemente á Galiza e demostra o carácter profundamente inxusto da proposta” advirte o deputado nacionalista.
A formación nacionalista insiste en que, malia o empeño do Goberno por presentala como unha mellora, a proposta continúa a ser centralista e centralizadora, ao non avanzar nunha maior capacidade das comunidades para recadar e xestionar os seus propios recursos. “A Galiza debe ter máis capacidade para recadar os seus impostos e decidir sobre eles; iso é clave para garantir un financiamento xusto” afirma Rego.
En relación ao anuncio dun incremento de recursos para as Comunidades Autónomas, que podería supoñer até 18.000 millóns de euros adicionais, o BNG recoñece que habería máis fondos que co modelo actual, mais considera que “non se resolve o déficit histórico nin o infrafinanciamento que sofre a Galiza cun sistema tan lesivo para o País”.
“O aumento de recursos non pode ocultar que estamos ante unha proposta inxusta e desequilibrada para a Galiza, que non resolve os problemas estruturais nin supón o paso decisivo que o BNG leva anos demandando” conclúe Néstor Rego.
