Redacción •  Galicia •  09/10/2025

A CIG considera «esaxerados e abusivos» os servizos mínimos da Xunta para o paro xeral por Palestina

A central anuncia a impugnación xudicial no caso de que a Administración non rectifique antes do vindeiro mércores 15 de outubro.

A CIG considera «esaxerados e abusivos» os servizos mínimos da Xunta para o paro xeral por Palestina

A CIG amosou hoxe a súa oposición aos servizos mínimos previstos pola Xunta para a xornada de paro xeral convocada o vindeiro mércores 15 de outubro en solidariedade con Palestina ao consideralos “esaxerados e abusivos” e anunciou a súa impugnación xudicial no caso de que a Administración autonómica non rectifique e insista nunha proposta que para a central sindical persigue claramente impedir o exercicio do dereito de folga.

A representación da CIG que participou hoxe en Santiago na xuntanza para abordar os servizos mínimos cualificou de “verdadeiro paripé” un encontro no que os responsábeis da Xunta se limitaron a trasladar a proposta sen entrar a valorar as achegas das organizacións sindicais. “Quedou claro que a Administración non se sentou con vontade de escoitar a parte social e que participou na reunión por obriga legal, xa que nin sequera fixeron comentarios a respecto das nosas valoracións como si aconteceu outras veces”, denuncia a secretaria confederal de Organización da CIG, Susana Méndez. 

Dende a central sindical incidiuse en que non é necesario establecer servizos mínimos para os paros de catro horas por quenda de traballo convocados pola CIG, tendo en conta que a prestación dos servizos básicos non se vai ver afectada. “Mais a Administración optou por propoñer uns servizos mínimos superiores aos de convocatorias anteriores, mesmo de folgas de 24 horas, polo que non podemos aceptar uns mínimos que en realidade son de máximos, abusivos e esaxerados incluso para un paro a xornada completa”.

Neste senso, Méndez lembroulle aos representantes da Xunta que decretos anteriores de folgas e paros parciais (por exemplo a do 8M de 2018 e posteriores) foron anulados nos tribunais. “Agardamos que os servizos mínimos sexan dimensionados e que o decreto non se publique o día antes do paro como en ocasións anteriores porque se trata dun abuso de poder da Administración que limita o dereito de impugnación, como así o recolleu xa algunha sentenza”.

Nula vontade de modificar a proposta

Entre os exemplos máis pintorescos destes servizos mínimos abusivos que a Xunta pretende aplicar, Méndez cita os centros de investigación agroforestal, os servizos periféricos dalgunhas Consellarías ou a propia Axencia Tributaria, que aumentan incluso o número de persoas traballadoras. “Chegan até o punto de establecer como servizos mínimos a praza de delineante do servizo de xestión de infraestruturas administrativas”, sinala. 

Como tamén aumentan os servizos mínimos nos centros de persoas maiores e centros de día de Política Social, que xa foron anulados xudicialmente en folgas anteriores “pero que a Xunta insiste agora en incrementar de xeito aínda máis abusivo”. De igual xeito, a CIG considera innecesarios os servizos mínimos no trasporte de persoas viaxeiras por estrada (máis do trasporte escolar), así como da CRTVG, “xa que estes teñen que garantir o dereito da poboación a recibir información, pero non a manter a programación normal, tal e como decretou do TSXG”.

Malia todo, ningunha destas consideracións foron sequera respondidas polos representantes da Administración, “polo que quedou claro que non hai vontade de modificar a proposta de servizos mínimos”. Diante disto, a CIG xa anunciou a súa intención de trasladarlle o decreto unha vez publicado aos seus servizos xurídicos para iniciar o proceso de impugnación.

Finalmente, dende a central sindical critican o feito de que a propia comunicación da proposta fose remitida en castelán por parte do subdirector xeral de Réxime Xurdídico e Relacións Laborais da Consellaría de Facenda, que mesmo especificou que remitirá o documento en castelán en canto estea dispoñíbel. «Semella que ten máis interese en que o texto chegue en castelán que en elaborar uns servizos mínimos que garantan o dereito de folga das persoas traballadoras», censuran.


Palestina /