Redacción •  Galicia •  09/08/2025

Continúan as mobilizacións contra a explotación laboral no servizo de limpeza dos hospitais Clínico e Gil Casares

  • O persoal concentrouse esta mañá diante da sede de Ilunion, na Coruña, e anuncia xa a primeira mobilización en setembro, para o día 12.
Continúan as mobilizacións contra a explotación laboral no servizo de limpeza dos hospitais Clínico e Gil Casares

Taballadoras e traballadores do servizo de limpeza dos hospitais Clínico e Gil Casares concentráronse este vernes diante da sede da empresa, na Coruña, para denunciar os incumprimentos laborais da UTE Ilunion. O persoal exixe a rescisión do contrato pola vulneración reiterada dos seus dereitos laborais.

O representante da CIG, Anxo Noceda denuncia que “a empresa, a Xerencia do CHUS e a Consellaría de Sanidade non fan absolutamente nada ante os incumprimentos manifestos da UTE Ilunion”. Entre as irregularidades, destaca a negativa a aplicar a suba salarial do 0,5% correspondente ao persoal de contratas do SERGAS, recoñecida pola equiparación salarial. “As traballadoras teñen dereito a esta suba, pero a empresa négase a aplicala”, aseverou.

Noceda sinala que a UTE Ilunion incumpre os pregos do contrato, especialmente na cobertura de vacantes, o que provoca unha “excesiva carga de traballo” para o persoal. Explica que “a falta de contratación adecuada obriga ás traballadoras a asumir tarefas sen recursos suficientes, vulnerando os dereitos laborais básicos recollidos no convenio colectivo”. Isto agrávase pola negativa da empresa a actualizar a bolsa de traballo e o concurso de vacantes, pendente desde novembro.

Nese sentido, Noceda lembra que “os problemas con Ilunion arrástranse dende hai anos, pero a empresa só dilata as solucións, obtendo beneficios a conta dos dereitos do persoal”. De feito xa se rexistrou un escrito dirixido ao conselleiro de Sanidade, exixindo a rescisión do contrato con base no artigo 211 da Lei de Contratos do Sector Público, que permite resolver contratos por incumprimentos laborais.

Hoxe escolleron mobilizarse diante da sede da empresa para levar a súa protesta directamente ao foco do problema. Tendo en conta que estamos en período vacacional, con moito persoal eventual, na protesta participou o comité d empresa apoiado por outras estruturas sindicais.

Anxo Noceda advirte que as mobilizacións intensificaranse tras das vacacións e xa avanzou que “para o 12 de setembro, segundo venres do mes, está prevista unha nova concentración no Clínico de Santiago”.  A isto engadiu que tamén se valora a convocatoria de xornadas de folga se non hai solucións”, advertiu. Ademais, a CIG demanda a regularización das condicións laborais, incluíndo a cobertura de vacantes e a elaboración dun calendario laboral transparente.


sanidad /