Redacción •  Galicia •  09/06/2025

A CIG denuncia que Correos deixa sen servizo o Porto pesqueiro de Vigo

A empresa pública decide de xeito unilateral pechar a oficina ubicada nun dos centros económicos máis importantes da cidade

A CIG denuncia que Correos deixa sen servizo o Porto pesqueiro de Vigo

A CIG-Correos denuncia o abandono no que a S.E. Correos e Telégrafos S.A.E. deixa a un sector tan importante como o Porto pesqueiro de Vigo despois de que a empresa pública decidise de maneira unilateral non renovar a concesión do local no que lle prestaba servizo a todo o tecido empresarial do porto. Isto aboca a estas empresas a dirixirse a outras oficinas da cidade, dificultando así unha canle directa tanto coa Administración como para a realización doutras xestións comerciais.

Na central sindical censuran a contradición existente entre o discurso da empresa e do Goberno español e os feitos, “xa que mentres sinalan a importante labor que Correos debe realizar como canle para achegar a Administración á cidadanía, a empresa pecha a oficina que ate hai uns días daba servizo no porto”. Unha decisión moito máis grave neste caso xa que afecta ao tecido empresarial, concretamente ao principal porto pesqueiro de Europa.

Consideran “escandaloso” que mentres Correos vive unha situación moi delicada economicamente como consecuencia da baixada do produto postal e da “nefasta xestión” dos responsábeis da empresa, “no canto de manter o servizo nun polo económico tan importante como o porto pesqueiro de Vigo o que fai a empresa é pechar o servizo”. Por iso, dende a CIG instan o Concello de Vigo e a Administración portuaria a dar a batalla para non perder o servizo para as empresas da cidade. 

O mesmo tempo, lembran que Correos foi declarado servizo esencial durante a covid-19, “e segundo sinalara no seu momento o presidente do Goberno a pandemia puxera de manifesto a necesidade de reforzar os servizos públicos, mais neste caso procédese a debilitalos”. Algo “reprochábel” tendo en conta que se acaba de recoñecer a Correos como servidor de servizos de interese económico xeral.

Para a CIG esta decisión unilateral da empresa é unha mostra máis da irresponsabilidade da súa dirección e de quen a nomea, “pois o que o que fai é incidir nas causas que teñen feito para que Correos estea a ser sancionada unha e outra vez por non cumprir os parámetros de calidade do servizo”.


correos /