Redacción •  Galicia •  09/04/2026

BNG presenta a súa alternativa de goberno para situar a Galiza na vangarda e sacarlle o “freo de man” que Rueda lle ten posto

  • Olalla Rodil esíxelle o presidente da Xunta unha desculpa por criminalizar as e os traballadores tratándoos de vagos e defraudadores coas baixas.
  • Máis vivenda pública, reforzo da Atención Primaria e da dependencia, un financiamento xusto ou aumentar o profesorado de apoio, entre as propostas rexistradas polo Bloque para o Debate do Estado da Nación.
  • Fronte ao “cabalo de Troia” dun PP que só ofrece espolio, o BNG propón poñer a riqueza do País ao servizo do seu desenvolvemento económico.
BNG presenta a súa alternativa de goberno para situar a Galiza na vangarda e sacarlle o “freo de man” que Rueda lle ten posto

O BNG rexistrou 40 propostas de resolución de cara ao Debate do Estado da Nación (DEN) no que sintetiza un proxecto ambicioso de País que sitúe Galiza na vangarda e quitarlle o “freo de man” que lle ten posto Rueda. Así o adiantou a viceportavoz primeira do BNG, Olalla Rodil, que subliñou que, fronte ao  “presidente do estancamento” , a líder do BNG, Ana Pontón,  “dálle voz á Galiza real presentando unha alternativa de goberno clara e solvente para sacar adiante este País”. “Galiza pode e merece moito máis”, afirmou.

A primeira das propostas que destacou Rodil ten que ver coa anuncio “estrela” que o presidente da Xunta fixo na primeira sesión do DEN de “dificultar” as baixas laborais, sobre todo as que proveñen de dores musculares e problemas de saúde mental. “Para Rueda e para o PP, as e os traballadores galegos son vagos e maleantes e os médicos que dan as baixas, uns defraudadores. É gravísimo”, considerou. Por iso, o BNG esixe ao presidente da Xunta que “pida perdón” publicamente  e retire a proposta.

“O que ten que facer o Goberno de Rueda para garantir o correcto funcionamento do sistema é reforzar o persoal da sanidade pública galega, non criminalizar os traballadores e traballadoras, e moito menos abrir a porta a que as mutuas fagan negocio dos dereitos laborais”, reclamou.

Rodil afondou no discurso de Rueda destacando o “desprezo” que sente polo pluralismo. “Cre que a oposición é un estorbo e só sabe insultar a líder da segunda forza deste País”. É por iso que, fronte un PP que “confunde a maioría absoluta co absolutismo”, o BNG presentou tres propostas para defender a transparecencia e os estándares democráticos nas institucións. 

A primeira busca defender a independencia xudicial fronte ao desmantelamento da sección terceira do TSXG consecuencia de presións externas, como veñen denunciando asociacións de xuíces. “A Xunta debe garantir unha xustiza áxil, accesible e en condicións de igualdade, non aplaudir manobras para sacar do medio xuíces que incomodan ao lobbie eléctrico”, expresou.

O BNG propón ademais que se constitúa no Parlamento unha comisión de investigación sobre o proxecto de Altri e que o Goberno galego entregue de maneira inmediata toda a documentación arredor da macrocelulosa, empezando polo acordo secreto entre a Xunta e a pasteira portuguesa. Neste punto, Rodil recriminoulle a Rueda que, no seu discurso, “pasase páxina rápido” con este asunto sen render contas do que fixeron todos estes anos, incluída a descatalogación ilegal da zona de amortecemento da Rede Natura.

Outra proposta de resolución vai encamiñada a respectar os consensos que existen neste País desde hai máis de 30 anos: que o PP levante o seu veto á renovación da persoa adxunta á Valedora do Pobo. 

Reforzo da sanidade, dependencia e profesorado de apoio e máis vivenda pública

No ámbito social,  o BNG propón un plan de compra pública de vivenda para acadar, xunto coa nova construción, 16.000 novos inmobles públicos en dúas lexislaturas. Así mesmo, pide limitar o prezo dos alugueiros a través das zonas tensionadas, a protección permanente de toda de toda a vivenda protexida para acabar coa especulación ou a esixencia da licenza urbanística ás vivendas de uso turístico.

En sanidade, a alternativa do Bloque inclúe un Plan de Atención Primaria, comprometido xa en 2019 por Rueda, que contemple a contratación de novas categorías profesionais, entre elas 100 profesionais de psicoloxía clínica, avanzou Rodil, recordando que a día de hoxe o 30% das consultas están relacionadas con problemas de saúde mental.

Outra das patas fundamentais no ámbito social é a dependencia, onde, fronte ao “cheque miseria para que as mulleres coiden por 400 pírricos euros ao mes”, o BNG propón impulsar a creación de 1.000 prazas novas ao ano de residencias e centros públicos ata finalizar a lexislatura, e incrementar até 20 euros a hora o financiamento do SAF en 2027.

En materia de educación, o goberno alternativo do Bloque defende recuperar a gratuidade dos libros de texto no vindeiro curso e, sobre todo, dotar os centros do persoal de Pedagoxía Terapéutica (PT) e Audición e Linguaxe (AL) necesario para garantir os dereitos do alumnado. “Só co agasallo fiscal que o PP de Rueda lle fixo aos máis ricos podería contratar ao persoal para os nenos e nenas con necesidades educativas especiais”, declarou Rodil.

Por último, a viceportavoz do BNG aproveitou para lembrar a actitude “bochornos, impresentable e inaceptable” dun presidente da Xunta que durante o seu discurso no DEN non fixo nin unha soa mención á igualdade e á violencia machista: “Toda unha declaración de intencións da deriva ideolóxica do PP que, ou cala diante da discriminación das mulleres ou ascende a declarados machistas”, en referencia ao ex alcalde de Noia e agora director territorial de Educación na Coruña, Santiago Freire.

As propostas do BNG nesta materia pasan por cumprir a lei de violencia machista de 2007 que o PP “incumpre de maneira reiterada”, garantindo atención psicolóxica das vítimas de violencia nos centros de saúde, xa que, a día de hoxe, só o 15% das mulleres nesa situación a recibe, e cun límite de dez sesións. Tamén propón o rescate para o público dos centros de crise 24h para vítimas de violencia sexual para que “non se faga negocio coas mulleres”, indicou a deputada nacionalista.

O PP, un cabalo de Troia ao servizo do lobby eléctrico e mineiro

En materia económica, fronte a un PP que actúa como un “cabalo de Troia” ao servizo do lobby eléctrico e da megaminaría contaminante e que só ofrece espolio , o BNG propón un cambio de modelo para poñer a inmensa riqueza de Galiza ao servizo do seu desenvolvemento social e económico. 

“Vimos o presidente do estancamento, o freo que representa o Partido Popular a todo o potencial que ten Galiza. Un Goberno e un presidente que actúan como cabalo de Troia do lobby eléctrico e mineiro, que actúan como comerciais dos intereses dun puñado de empresas, vendendo os recursos naturais e a riqueza de Galiza a prezo de saldo”, proclamou Rodil.

Anunciou a continuación a proposta dunha tarifa eléctrica galega e unha empresa pública de enerxía, así como declarar os minerais estratéxicos de interese público exercendo un control e participación efectivos sobre a súa extracción, onde a Xunta deberá garantir que nos novos concursos de dereitos mineiros se priorice o peche de ciclos produtivos en Galiza.

Afondando no obxectivo de crear valor engadido xerando postos de traballo de máis calidade e maior riqueza no territorio, o BNG avoga por elevar o investimento en I+D+i ata situalo no 2,5% do PIB en 2030. Tamén aposta por aprobar un Plan de desenvolvemento industrial que peche os ciclos produtivos e cree valor engadido situando no 20% o peso da industria. 

Para iso, apunta Rodil, precísase financiamento, polo que o BNG propón a creación do Instituto Galego de Crédito, que permita transformar o aforro galego en investimento  para o tecido produtivo do País. Tamén é necesario o impulso dun Fondo Soberano para os investimentos estratéxicos cun capital inicial de 400 millóns de euros.

Avanzar na plena soberanía de Galiza

Por último, no plano máis político, Rodil avanzou propostas para que Galiza teña máis e mellores ferramentas e capacidade de decisión en todos os ámbitos da vida. É por iso que o BNG, 45 anos despois da promulgación do Estatuto, propón abrir unha ponencia no Parlamento que permita avanzar cara a súa soberanía plena. Así mesmo, aposta por un sistema de financiamento xusto para Galiza a través dun concerto económico que dea a Galiza a chave dos seus cartos. E por último, é fundamental garantir os dereitos lingüísticos dos e das galegas a través do cumprimento inmediato do Plan Xeral de Normalización Lingüística. 

Rodil rematou a súa rolda de prensa destacando outra da propostas máis relacionadas co momento histórico que estamos a vivir: defender, unha vez máis,  a condena firme das agresións imperialistas que están a levar a termo os Estados Unidos e Israel no Líbano, en Palestina, Irán, Venezuela ou Cuba. “Que vai facer o PP?, vaise poñer do lado das galegas e galegos que somos sente de paz ou vai seguir do lado dos criminais e xenocidas Netanyagu e Donald Trump?, concluíu.


BNG /