O TSXG recoñece o dereito íntegro ao permiso de lactación acumulado despois de solicitar unha excedencia
O alto tribunal estimou un recurso interposto pola CIG contra a decisión do SERGAS de limitar o permiso a unha traballadora.

A sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de ditar unha importante sentenza en materia de conciliación familiar, estimando un recurso de apelación interposto polos servizos xurídicos da CIG contra a decisión do Servizo Galego de Saúde (SERGAS), que limitara a 95 horas o permiso retribuído de lactación acumulada concedido a unha profesional da sanidade pública, cando esta solicitara un total de 150 horas.
A sentenza reforza que o permiso de lactación non pode verse condicionado por cuestións administrativas, como vén defendendo a CIG-Saúde, que anima as mulleres que viron rexeitado este permiso a que presenten denuncia.
O alto tribunal galego revoga a sentenza de primeira instancia e anula a resolución administrativa do SERGAS, recoñecendo expresamente que o permiso de lactación acumulado é compatíbel co posterior goce dunha excedencia para o coidado dunha crianza. A sala subliña que este tipo de permisos gozan dunha dimensión constitucional, pois afectan directamente á protección da familia e á conciliación da vida persoal e laboral, dereitos recollidos na Constitución española e nas directivas europeas.
Segundo o TSXG, o dereito ao permiso de lactación non pode verse condicionado pola prestación efectiva de servizos nin ser reducido proporcionalmente en función dunha excedencia solicitada con posterioridade. A sentenza reafirma que a finalidade destes permisos é facilitar o coidado do menor, e que limitar ou minorar este dereito por razóns administrativas contradí os principios de protección á infancia e igualdade.
Esta resolución supón un importante precedente para o persoal das administracións públicas que combine diferentes medidas de conciliación, e consolida a interpretación máis garantista dos dereitos laborais vinculados ao coidado de crianzas.