Redacción •  Galicia •  08/04/2026

A CIG recorrerá o cambio de poñente na demanda sobre o acordo entre Impulsa Galicia e Altri por ser contrario a dereito

A central pide a inaplicación da modificación da composición da Sección Terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG

A CIG recorrerá o cambio de poñente na demanda sobre o acordo entre Impulsa Galicia e Altri por ser contrario a dereito

A CIG pide que se inaplique a modificación da composición das Seccións Terceira e Cuarta da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG, por entender que se trata dunha decisión contraria a dereito, e anuncia que presentará recurso de reposición contra o cambio de poñente no proceso xudicial relativo ao acordo entre a sociedade Impulsa Galicia e Altri, ao constituír unha vulneración do dereito ao tribunal predeterminado por lei.

No día de onte, a central nacionalista recibiu providencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza comunicando o cambio de poñente na demanda contecioso-administrativa presentada contra a resolución da Comisión da Transparencia non admitindo a reclamación da CIG pola falta de contestación de Impulsa Galicia á petición de información sobre o proxecto Altri.

A solicitude da CIG de acceder á documentación a respecto da “iniciativa tractora” para a transformación de madeira en fibra téxtil e a escolla de Altri como “investigador e tecnólogo” non só non recibiu resposta, senón que pouco despois e en pleno período estival, a sociedade público-privada anunciou a súa disolución.

Vulneración dos dereitos e da doutrina internacional

A mudanza do relator chega agora tras a controvertida decisión da presidenta da Sala de trasladar xuíces e xuízas das Seccións Terceira e Cuarta, sen ofrecer ningún tipo de explicación das motivacións desta medida ás partes con litixios en curso, como é o caso da CIG, e estando ademais na fase final do proceso, xusto no momento anterior a ditar sentenza.

Por iso, a CIG reivindica o seu dereito ao xuíz ou xuíza predeterminado/a pola Lei, enmarcado no dereito fundamental da tutela xudicial efectiva, que esixe que a competencia e a composición do órgano xudicial estean preestabelecidas claramente antes do inicio dos procedementos, co obxectivo de garantir a imparcialidade e independencia destes.

Un principio que queda en entredito cando non se aclara se os traslados dos maxistrados e maxistradas teñen carácter forzoso, xa que de ser este o caso estaríase vulnerando a doutrina do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos e do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, así como a primacía do dereito europeo, ao afastar por acordo gobernativo a un xuíz dos asuntos que tiña atribuídos, sen motivación concreta.

Non hai que perder de vista que esta decisión se produce no marco do debate público sobre o actual modelo eólico, no que se confrontan os intereses das promotoras e da administración pública cos dos colectivos en defensa do medio ambiente e do interese público; e que en moitos casos ten derivado no inicio de procedementos xudiciais pendentes de fallo, precisamente, na Sección Terceira obxecto de cambio.

A CIG reitera a improcedencia desta resolución e o seu carácter desproporcionado xa que vulnera o dereito fundamental de tutela xudicial efectiva e compromete precisamente a imparcialidade que debe guiar a acción da xustiza.

Campaña polo peche definitivo de Altri e a Mina de Touro

Doutra banda, cómpre lembrar que as Plataformas Ulloa Viva, En Defensa da Ría de Arousa e Mina de Touro-O Pino Non teñen en marcha unha campaña de recollida de sinaturas a través dunha carta dirixida directamente ao presidente da Xunta de Galiza, Alfonso Rueda.

O obxectivo é que, no exercicio das súas competencias, convoque un Consello da Xunta no que o Goberno galego proceda a denegar definitivamente e posteriormente arquivar o proxecto da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei e o de Cobre San Rafael para a reapertura da Mina de Touro-O Pino.

A CIG está colaborando dende hai anos con estas Plataformas na loita contra a espoliación dos nosos recursos e contra a desfeita medioambiental e a destrución dos nosos modos de vida, e por iso agora, anima a formar parte da campaña, asinar o escrito e presentalo no rexistro.

» DESCARGA O ESCRITO PARA ASINAR E REXISTRAR


Altri /