Redacción •  Galicia •  07/09/2025

Rede Galega pola Palestina chama a boicotar a participación do equipo Israel Premier Tech na Volta ao seu paso por Galiza

Rede Galega pola Palestina chama a boicotar a participación do equipo Israel Premier Tech na Volta ao seu paso por Galiza

A organización denuncia o “sportswashing” do Estado de Israel e exixe a retirada do patrocinio de Carrefour, ao que acusa de ser cómplice do apartheid e da ocupación en Palestina.

A Rede Galega pola Palestina difundiu un comunicado no que fai un chamamento ao boicote da participación do equipo ciclista Israel Premier Tech durante o paso da Volta Ciclista a España por Galiza, así como ao patrocinador principal da competición, Carrefour. A campaña enmárcase dentro do movemento internacional BDS (Boicote, Desinvestimentos e Sancións), impulsado desde 2005 pola sociedade civil palestina para presionar a Israel ata que respecte o dereito internacional e os dereitos humanos do pobo palestino.

No comunicado, a Rede Galega pola Palestina sinala que “non se trata de política, senón de defender os valores do deporte”, denunciando que Israel emprega a participación en competicións internacionais como estratexia de “sportswashing” para “lavar e normalizar un xenocidio”.

A organización lembra que, nos dous últimos anos, Israel asasina a centos de deportistas palestinos e destruíu practicamente todas as instalacións deportivas en Gaza e boa parte de Cisxordania. “O deporte galego non pode permanecer indiferente a esta matanza e permitir que un equipo financiado por criminais circule polas estradas e rúas da Galiza”, afirman.

Críticas á UCI e a Carrefour

O comunicado responsabiliza directamente á Unión Ciclista Internacional (UCI) por permitir a presenza do equipo Israel Premier Tech, “en violación do seu propio regulamento e ignorando a legalidade internacional”. Así mesmo, exíxese a expulsión inmediata deste equipo da competición.

A Rede Galega pola Palestina tamén dirixe as súas críticas a Carrefour, patrocinador principal da Volta, ao que acusa de “cómplice coa ocupación e co apartheid”. A empresa francesa mantén acordos con compañías israelís asentadas en colonias ilegais e, segundo a organización, “mesmo entregou agasallos a soldados sionistas durante o xenocidio en Gaza”. Por iso, o colectivo considera que o boicote a Carrefour constitúe “parte esencial” da campaña.

Un chamamento desde Galiza á solidariedade internacional

A campaña de boicote súmase a outras accións organizadas polo movemento BDS en diferentes países, como a cancelación de contratos con empresas israelís, o rexeitamento a artistas patrocinados por institucións oficiais de Israel e a exclusión de seleccións e clubs en competicións internacionais.

O comunicado subliña que, mentres os gobernos e organismos internacionais permanecen pasivos, a sociedade civil en todo o mundo asume o protagonismo na denuncia do xenocidio palestino. “Agora, toca actuar a Galiza, é o momento. Boicotemos, por todos os medios, o paso da ‘Volta’ e da depravación de Israel pola nosa terra!”, conclúe a Rede Galega pola Palestina.

Con esta acción, a organización súmase ás mobilizacións que xa tiveron lugar noutros territorios do Estado español, como Asturies ou Madrid, nas que colectivos sociais saíron á rúa para exixir o fin das relacións comerciais, deportivas e diplomáticas con Israel.


boicot a Israel /