BNG propón cinco medidas para protexer as traballadoras do SAF de situacións de acoso e agresión e para blindar o servizo
Olalla Rodil insta o Goberno do PP a impulsar cambios normativos e a plasmalos no DOG porque “as palabras bonitas e baleiras non chegan”*.
Negociar protocolos de prevención e actuación homoxéneos para todos os concellos, incrementar o financiamento até os 20 euros/ hora e cubrir o custo do persoal técnico, entre as medidas que reclama o Bloque.

O BNG vén de rexistrar no Parlamento unha batería de iniciativas para reclamar á Xunta en mans do PP que pase “das palabras bonitas” á posta en marcha de medidas concretas para blindar o Servizo de Axuda no Fogar e mellorar as condicións laborais das súas traballadoras, protexéndoas fronte a situacións de acoso e agresión como a sufrida por Teresa de Jesús, a muller asasinada hai unha semana no Porriño.
“A Consellería de Política Social, que é tamén de Igualdade e ten unha dobre responsabilidade, debe liderar os cambios normativos necesarios para mellorar as condicións laborais destas mulleres, cambios que se teñen que plasmar no DOG porque as palabras bonitas e baleiras non chegan”, advertiu a viceportavoz e responsable de Política Social do BNG no Parlamento, Olalla Rodil.
A deputada nacionalista explicou que estamos a falar de “miles de mulleres que van cada día ás casas de máis de 23.000 galegas e galegos soas co seu corpo, sen nada mais, para coidar a persoas dependentes asumindo o risco, moitas veces, de facer ese traballo”, subliñou, criticando que o PP na Xunta se limitase tras o asasinato de Teresa de Jesús a dicir que as traballadoras do SAF acosadas ou agredidas teñen que denunciar.
Subliñou, neste sentido, que o asasinato en O Porriño puxo de manifesto, da maneira “máis dura e cruel posible”, o que as traballadoras do SAF veñen denunciando desde hai anos sen que até o de agora o Goberno do PP non fixese máis que “mirar para outro lado” sen lles prestar a atención necesaria.
O BNG, que xa rexistrou unha proposición non de lei no mesmo sentido no ano 2020 —rexeitada polo PP—, volve presentar agora unha iniciativa con cinco medidas concretas e “perfectamente realizables” para protexer ás traballadoras do SAF, blindar o servizo e garantir a seguridade xurídica tanto dos concellos como das empresas que prestan os coidados. Trátase, especificou Rodil, de cinco propostas para que a Xunta, como máxima responsable, garanta un marco común e homoxéneo que sexa de aplicación en todo o territorio galego e nutra dos recursos económicos suficientes o SAF.
En primeiro lugar, o Bloque propón, no marco das negociacións iniciadas coa Fegamp, crear unha mesa de traballo que inclúa tamén as representantes sociais das traballadoras co obxectivo de elaborar protocolos de prevención e intervención en casos de agresión no domicilio, violencia machista ou discriminación. Estes protocolos teñen que contemplar as actuacións legais oportunas que permitan adoptar con seguridade xurídica medidas de suspensión temporal ou total do servizo nos casos de agresión, violencia machista ou discriminación, entre outros.
En segundo lugar, o Bloque reclama incrementar o financiamento do SAF, de maneira inmediata e con carácter retroactivo desde xaneiro até os 17 euros a hora, e co obxectivo de acadar os 25€ no 2027, detallou Rodil, lembrando que na actualidade o custo da hora —que deberían asumir Xunta e Estado pero que en boa parte están pagando os concellos— está nos 23 euros.
Co mesmo obxectivo de mellorar o financiamento, a iniciativa nacionalista inclúe cambios no método de cálculo do prezo/hora para cubrir tamén os custos laborais do persoal administrativo e de traballo social necesarios no SAF.
Como outra das medidas, a iniciativa nacionalista propón a modificación das rateos que fixan o persoal técnico mínimo exixible ás empresas que prestan o servizo, de maneira que se reduza o número de persoas usuarias por técnico/a e se poida mellorar a atención.
O BNG reclama, así mesmo, que a Xunta faga valer a súa posición como autoridade laboral e administración responsable en materia de dereitos sociais na negociación do convenio colectivo do SAF, para promover unhas condicións laborais e salariais “dignas e seguras”, tal e como asegurou Olalla Rodil.
Salarios de 1.200 euros e un convenio caducado no 2012
A deputada nacionalista salientou, neste punto, a precariedade na que este colectivo exerce o seu traballo, “con salarios de 1.200 euros, desprazándose no seu propio vehículo, ás veces sen que se lles pague a quilometraxe, para traballar en domicilios particulares nos que asumen riscos tanto físicos como emocionais que nin tan sequera se recollen no seu convenio colectivo.
Convenio colectivo que, lembrou, que venceu no 2012 sen que a patronal se sente a negociar cos axentes sociais un novo e sen que o Goberno do PP “movese nin un só dedo” para buscar unha solución que dignifique as condicións laborais das traballadoras do SAF, “que non gozan nin dos dereitos nin do recoñecemento social como persoal sociosanitario que son”.