O sector servizos acaparou 8 de cada 10 empregos creados en Galiza en marzo
O 40% das novas altas na Seguridade Social rexistradas neste período formalizáronse xa mediante contratos fixos descontinuos

O mundo do traballo galego continúa a dar sinais de alarma, cunha dependencia cada vez maior do sector servizos, até o punto de que 8 de cada 10 novos contratos subscritos no mes de marzo foron neste sector. A crecente precariedade laboral evidénciase tamén no feito de que o 40% das novas altas rexistradas neste período formalizáronse mediante contratos fixos descontinuos.
Segundo os datos do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE), Galiza rematou o mes de marzo con 114.670 persoas rexistradas como desempregadas, un 1,2% menos que en febreiro. Un descenso relacionado tradicionalmente co inicio da Semana Santa, xa que foi no sector servizos e nas provincias máis turísticas onde se rexistraron os maiores descensos de paro.
| Persoas paradas | Variación | |||
| Febreiro | Marzo | Absoluta | % | |
| A Coruña | 45.703 | 45.151 | -552 | -1,2% |
| Lugo | 11.783 | 11.607 | -176 | -1,5% |
| Ourense | 14.172 | 14.194 | 22 | 0,2% |
| Pontevedra | 44.400 | 43.718 | -682 | -1,5% |
| Total | 116.058 | 114.670 | -1388 | -1,2% |
Fonte: SEPE
Unha vez máis o desemprego segue a ter rostro de muller, xa que o 58% das persoas inscritas como desempregadas son mulleres. E cébase tamén coas persoas de maior idade, tendo en conta que o 61% das persoas rexistradas como paradas teñen máis de 45 anos. Ademais, o 82% dos novos contratos foron no sector servizos, con peores salarios e condicións.
| Sectores | Variación | |||
| Febreiro | Marzo | Absoluta | % | |
| Sector primario | 3.383 | 3.370 | -13 | -0,4% |
| Industria | 10.659 | 10.584 | -75 | -0,7% |
| Construción | 7.026 | 6.786 | -240 | -3,4% |
| Servizos | 84.255 | 83.119 | -1.136 | -1,3% |
| Sen emprego anterior | 10.735 | 10.811 | 76 | 0,7% |
| Total | 116.058 | 114.670 | -1.388 | -1,2% |
Fonte: SEPE
A afiliación á Seguridade social aumentou en 7645 persoas, o que supón un incremento do 0,7% con respecto aos mes de febreiro. En todos os tipos de contratos e xornadas aumentou o número de persoas en alta laboral, mais a maior medra produciuse nos contratos fixos descontinuos, cun incremento do 9,1% respecto ao mes de febreiro. De feito, o 40% das novas altas formalizáronse baixo esta modalidade.
| Afiliación Seguridade Social | Variación | |||
| Febreiro | Marzo | Absoluta | % | |
| A Coruña | 476.902 | 480.406 | 3.504 | 0,7% |
| Lugo | 124.796 | 125.972 | 1.176 | 0,9% |
| Ourense | 107.683 | 108.084 | 401 | 0,4% |
| Pontevedra | 378.848 | 381.412 | 2.564 | 0,7% |
| Total | 1.088.229 | 1.095.874 | 7.645 | 0,7% |
Fonte: Seguridad social
Tamén salienta o aumento dos contratos temporais a tempo completo, que medraron un 1,3 % en relación ao mes anterior, así como a categoría dos denominados “outros”, na que probablemente estea a influír o proceso de estabilización que están a levar a cabo as distintas administracións.
Fracaso do modelo económico
A CIG denuncia o “falso optimismo” dos Gobernos español e galego a respecto dos datos do paro agocha o “fracaso” dun modelo económico e produtivo que no actual contexto de guerra non vai garantir condicións dignas para a clase traballadora ante a imparábel carestía da vida. “O aumento dos prezos e os baixos salarios derivados da precariedade laboral van disparar o número de persoas traballadoras pobres e van impedir que poidan cubrir as súas necesidades básicas”, tal e como sinala o secretario confederal de Negociación Colectiva, Emprego e Industria.
Neste senso, Paco Sío incide no feito de que o 40% nas novas altas na Seguridade Social xa foron baixo o modalidade de contratación fixa descontinua e que as ramas de actividade que máis emprego crean sexan as relacionadas coa hostalaría e coas actividades sanitarias e de servizos sociais.
“A redución do emprego é unha tendencia común no conxunto de Europa, coa diferenza de que no Estado español os postos de traballo que se crean están vinculados ao turismo e polo tanto son de peor calidade; a incapacidade para transformar o modelo económico colócanos en peor situación á hora de facerlle fronte a calquera cambio, o que se traduce nun aumento das persoas traballadoras pobres e nunha sociedade cada vez máis desigual”, remata Sío.
