Redacción •  Galicia •  07/01/2026

As traballadoras de UNVI mantéñense en loita

As traballadoras de UNVI mantéñense en loita

As traballadoras de UNVI, S.A., empresa fabricante de autobuses situada en Ourense, levan meses mobilizándose en defensa dun convenio digno e dun calendario laboral negociado, fronte ó desprezo e o bloqueo intencionado da empresa.

Dende novembro, tras a constitución da mesa de negociación do convenio colectivo, o comité presentou unha proposta de convenio con vontade de diálogo. A resposta da dirección foi silencio, bloqueo e desprezo, sen amosar interese real por mellorar as condicións laborais do cadro de persoal.

Durante semanas, a patronal mantivo silencio, sen achegar proposta algunha, prolongando deliberadamente unha situación inaceptable. Esta situación de bloqueo sumouse a un intento unilateral por parte da empresa de recortar dereitos históricos, atacando o calendario laboral e pretendendo eliminar as catro semanas de vacacións en agosto para adaptalo exclusivamente ás súas necesidades produtivas.

A resposta foi unitaria e contundente: as traballadoras dixeron basta ó bloqueo e á falta de respecto permanente. Suspendéronse horas extra, sumáronse ás mobilizacións do metal e iniciouse un ciclo de folgas cun seguimento próximo ó 100%, paralizando a produción e enchendo as rúas de Ourense cunha mensaxe clara: “Se non hai negociación, hai mobilización.”

Grazas á loita colectiva, a empresa viuse obrigada a retirar o ataque ó calendario de vacacións e a presentar, por fin, unha proposta de convenio. Con todo, a plataforma proposta afástase das reivindicacións iniciais, mantendo a falta de respecto á clase traballadora. Presentaron un convenio centrado en normas, control e sancións, con medidas restritivas e cunha distribución irregular da xornada que pretende converter o persoal nun cadro “á carta”, con semanas interminables de ata 10 horas diarias.

Cada intento de presión reafirma a convicción dun cadro de persoal organizado, consciente e decidido a non retroceder nin un paso en dereitos: as mobilizacións continúan.

Este xoves 8 de xaneiro, ás 19:30, nova manifestación dende a casa sindical, no parque de San Lázaro. As traballadoras anuncian máis folgas os próximos 15, 21, 22, 28 e 29 de xaneiro, mentres a empresa non respecte ás traballadoras e non poña enriba da mesa un convenio con melloras reais, xustas e palpables.

Non máis dilacións. Non máis desprezos. A forza está nas traballadoras.
Seguimos loitando ata acadar o convenio digno que merecemos.


precariedad laboral /