Redacción •  Galicia •  06/05/2025

A CIG alerta dun mercado laboral precario que afonda na explotación en Galiza

Francisco González Sío critica a dependencia da hostalaría e a paralización dos convenios, demandando salarios dignos e un modelo produtivo diversificado.

A CIG alerta dun mercado laboral precario que afonda na explotación en Galiza

Os datos de paro rexistrado do pasado mes de abril revelan un mercado laboral atrapado na precariedade, cunha hostalaría que concentra o 43% das novas afiliacións, cunha contratación precaria (52% fixos descontinuos/temporais) e salarios insuficientes. Por iso, o secretario confederal de Emprego, Francisco González Sío, denuncia a dependencia de sectores estacionais, a paralización da negociación colectiva e o modelo produtivo actual, demandando cambios estruturais para garantir un emprego digno.

Os datos do paro do mes de abril confirman o que a CIG vén denunciando nos últimos meses: unha situación de precariedade laboral que se reflicte tanto nas condicións de traballo como na negociación colectiva en Galiza. Así o valora González Sío, quen apunta que é a hostalaría, xunto co sector servizos, a que impulsa a creación de emprego.

Fronte a isto denuncia que o 65% das persoas contratadas teñen contratos temporais ou, no caso da contratación indefinida, principalmente contratos fixos descontinuos, que son os que máis medran en termos de afiliación.

Convenios sen negociar

Ligado a isto, constata que os catro convenios provinciais da hostalaría en Galiza seguen sen negociarse. “Isto implica que as traballadoras e traballadores non actualizan os seus salarios para facer fronte á carestía da vida, mantendo salarios reducidos, na maioría dos casos por debaixo do salario mínimo interprofesional”. Advirte ademais da desregulación das xornadas laborais, que superan en moitos casos a xornada legal “debido á fraude laboral”.

Na mesma liña advirte que o sector do comercio, especialmente o comercio téxtil, e o da limpeza, nas provincias de Pontevedra e A Coruña, tamén teñen unha parte importante dos seus convenios provinciais sen negociar. Unha situación que, ao seu entender evidencia a existencia dunha patronal “explotadora e atrasada que, por unha banda, se queixa da falta de man de obra e do suposto absentismo —derivado dos altos ritmos de traballo e do estrés que sofren as persoas traballadoras— e, por outra, insinúa que unha parte da clase traballadora non quere traballar”.

Unha patronal da que asegura que “é incapaz de actualizar as condicións laborais, pagar salarios dignos e mellorar as condicións das traballadoras e traballadores, mantendo paralizada a negociación colectiva nos sectores onde o emprego medra exponencialmente, especialmente en períodos estacionais de demanda turística”. Contextos nos que se recorre a formas de contratación precarias e lesivas para os traballadores.

Neste escenario, Sío sinala que mentres o Goberno e a Xunta saen felicitándose polos datos, “desde a CIG afirmamos que este non é o mercado laboral ideal nin a situación que merecen as traballadoras e traballadores galegos”.

O representante da CIG entende que non se pode seguir apostando por sectores estacionais que ofrecen traballo temporal e, despois, envían as persoas ao desemprego, con ou sen prestación. “Este modelo, baseado na contratación temporal, salarios por debaixo do salario mínimo e xornadas que imposibilitan a conciliación, aumenta a presión laboral coa escusa da produtividade”, denuncia. Unha falsa narrativa da produtividade que, “provoca que cada vez máis persoas teñan que coller incapacidade temporal polas longas xornadas e o estrés, sen que as medidas de prevención laboral nin o control da lexislación por parte da Xunta e do Estado reverta esta situación”, advirte.

Novo modelo produtivo

Diante desta situación, o secretario confederal de Emprego reclama unha redución real da xornada laboral a 35 ou 32 horas, especialmente en sectores onde os avances tecnolóxicos xa incrementaron a produtividade; salarios dignos, aplicando un salario mínimo de 1.320 euros mensuais, conforme á Carta Social Europea e unha loita efectiva contra a temporalidade e o fraude nos contratos fixos descontinuos, instando o Ministerio de Traballo e a Inspección de Traballo a intensificar as súas actuacións, porque a pesar das campañas anunciadas contra a precariedade, o número de persoas contratadas de forma precaria segue aumentando.

Xunto a isto lembra que a CIG reclama un novo modelo produtivo en Galiza, baseado en sectores diversificados e non na dependencia do turismo. “Necesitamos unha industria que xere emprego digno e con boas condicións, e non proxectos que utilicen o territorio galego como unha colonia, como a esterqueira de Palas de Rei, impulsada co apoio da Xunta”, conclúe.


precariedad laboral /