Redacción •  Galicia •  05/01/2023

O alcalde dos Blancos non moveu un dedo na defensa das veciñas e veciños

  • Apoiado na maioría do PP, rexeitou no pleno da semana pasada a declaración de moratoria eólica.
  • Adía a toma de posición do concello e pretende limitar aos comuneiros a capacidade de determinar a posición institucional.
  • Das tres comunidades de montes afectadas, a de Cobas, xa se mostrou en contra, e en Fontearcada fracasou a convocatoria do alcalde.
O alcalde dos Blancos non moveu un dedo na defensa das veciñas e veciños

A presión veciñal nos Blancos e unha campaña de recollida de alegacións contra o proxecto de Greenalia logrou levar ao alcalde á convocatoria e celebración du pleno extraordinario monográfico ao redor da alarma social pola ameaza dos macroeólicos. O debate está na rúa.

O PP impide a aprobación dunha declaración de moratoria eólica nos Blancos

Unha semana despois de que a corporación municipal de Xinzo de Limia acordase unha declaración institucional solicitando unha moratoria eólica na comarca da Limia mentres non se revise o Plan Sectorial Eólico de Galiza, e comprometendo o apoio do goberno local na realización de estudios sobre os impactos ambientais e sociais da instalación de macroaeroxeradores, o Partido Popular dos Blancos -que respalda a alcaldía de José Manuel Castro con maioría absoluta- impediu a aprobación do mesmo acordo nesa corporación, a segunda que debatía a proposta de Stop Eólicos Xurés Celanova e do Club Parapente Baltar, apoiada ademais por veciños e veciñas dos Blancos e polo PSOE.

Os argumentos esgrimidos polo alcalde, que xa mostrara publicamente a súa posición favorábel á instalación dos macroeólicos no proxecto fragmentado Lamas de Feás e Lamas II, son falaces. Dixo o alcalde que a declaración de moratoria “non protexe a todos os veciños dos Blancos” sostendo que hai comuneiros que están a favor polo lucro que lles reportarían. Por moito que o alcalde se empeñe en agochalo, a moratoria responde ao principio de precaución e, nestes momentos, é a única garantía de que se terán en conta os dereitos á saúde, ás augas, a un medio natural san, ao patrimonio e á paisaxe de toda a veciñanza, porque toda está afectada e os impactos afectan tamén a comarca enteira máis aló do propio concello.

O PP dos Blancos intenta reducir a cuestión aos comuneiros, pero fállalle a estratexia

O alcalde ignorou ademais unha carta escrita por varias veciñas e veciños así como a toma de posición da Comunidade de Montes de Cobas, a máis afectada, rotundamente en contra da instalación dos macroaeroxeradores, como así o manifestaron nunha reunión co propio rexedor e a través das alegacións presentadas dentro do prazo que rematou hoxe.

Na carta, as veciñas e veciños manifestaban que se senten “indefensas e abandonadas polos nosos representantes” e demandaban información a respecto da data na que o alcalde tivo coñecemento do proxecto e sobre a instalación da antena de medición nos montes de Cobas por parte de Greenalia e de se a comunidade de montes foi informada polo goberno municipal desa obra.

O alcalde e o PP dos Blancos mostraron no pleno a súa estratexia. Pretenden reducir os afectados ás comunidades de montes de Cobas, Fontearcada e Pexeiros (aínda sen constituír) e que sexan os comuneiros, posíbeis beneficiados, quen determinen a postura do goberno local por riba do resto dos veciños, que son todos afectados mais a quen se intenta quitar voz e voto nesta cuestión.

Mais a estratexia empeza a fallar pola base. A comunidade de montes de Cobas xa se manifestou en contra. A de Pexeiros non está constituída. E a de Fontearcada, convocada a toda présa polo propio alcalde, non se puido pronunciar porque faltaron o 80% dos comuneiros.

Concello dos Blancos deixou pasar os prazos sen presentar alegación ningunha

Malia a súa evidente posición favorábel á instalación dun macropolígono eólico nas montañas dos Blancos, o alcalde tivo que soportar a presión veciñal no pleno e xustificar a negativa do seu grupo á moratoria eólica. Así, despois de impedir a declaración de moratoria, propuxo “chamar á empresa” para “movan a máquina” das proximidades de Cobas. E deu lectura ao compromiso que estaban dispostos a tomar.

O Concello dos Blancos, a respecto do proxecto eólico Lamas de Feás e Lamas II, a ubicar parcialmente en terreos da súa demarcación (…) entende procedente o seguinte posicionamento ou toma de postura pública: (…) o Concello respaldará e tramitará por medios administrativos (…) a posición favorábel ou desfavorábel á súa instalación que adopten as comunidades de man común. Esta é a proposta alternativa que sacou adiante o PP cos votos dos seus concelleiros.

É dicir, o alcalde (como é práctica habitual nos alcaldes que pretenden eludir a súa responsabilidade como xestores do ben común… de toda a veciñanza) reduce os afectados aos comuneiros e, sobre todo, limita aos comuneiros a capacidade de determinar a posición do Concello dos Blancos. Mentres, dilata unha acción concreta. O Concello dos Blancos NON presentou alegación ningunha nin a proxecto Lamas de Feás nin agora ao proxecto Lamas II malia aos enormes impactos sobre a súa poboación e o seu territorio.


energía eólica /