Redacción •  Galicia •  04/12/2025

Pontón pide a Rueda que deixe de enganar á xente co anuncio fraude de 4.000 novas vivendas públicas en 2028: “É un bulo”

Propón un plan de compra masiva de vivenda para aluguer nunha Galiza con 90.000 pisos baleiros nas cidades e con fondos do Estado para tal fin.

Denuncia que co goberno do PP se perderon 6.992 pisos de promoción pública e reclama a cualificación permanente de toda a vivenda protexida.

Pontón pide a Rueda que deixe de enganar á xente co anuncio fraude de 4.000 novas vivendas públicas en 2028: “É un bulo”

A portavoz nacional, Ana Pontón, pediulle ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda que “deixe de enganar á xente” e de “xogar coas súas ilusións” cun anuncio de 4.000 novas vivendas públicas en 2028 que cualificou como “outro bulo” máis dun Goberno do PP que fixo “da mentira a súa forma de goberno”.

Pontón referiuse deste xeito na sesión de control ás 4.000 novas vivendas de promoción pública anunciadas por Rueda para 2028 nun acto electoral celebrado o ano pasado, un anuncio que o PP incluíu na páxina 18 do seu programa electoral e que continúa repetindo até a saciedade, pese á que os datos oficiais evidencian unha realidade ben distinta.

Neste sentido, recordou que, segundo as cifras do Ministerio de Vivenda, desde que o titular do Executivo fixo este anuncio, o Goberno do PP só construíu 47 novas vivendas públicas. “Temos que animalo a que traballe un pouco máis, porque hoxe quedan 3.953 por entregar”, ironizou, para afearlle a continuación que o grave é que el “sabe perfectamente que en 2028 non vai a haber construídas 4.000 novas vivendas públicas en Galiza”.

“Non é máis que outro dos seus bulos e o que lle pedimos é que deixe de enganar, que deixe de xogar coas ilusións da xente porque estamos falando dun tema moi serio”, reclamou a un Rueda ao que recriminou que mentres el “ía a manifestarse a Madrid a golpe de corneta do señor Feijóo”, un total de 22.680 persoas continúan agardando no rexistro de demandantes de vivenda protexida.

Máis de 22.600 persoas que, incidiu, “teñen moitas máis posibilidades de que lles toque a lotería de Nadal que de ver como se cumpre o seu dereito a unha vivenda digna”, algo que “non pasa por casualidade”, senón que é o resultado de que cando “o Partido Popular tivo que elixir entre o dereito á vivenda ou a especulación, elixiu a especulación”, remarcou.

“Cando vostede tivo que elixir entre regular o prezo dos alugueres ou especulación, elixiu especulación e cando tivo que elixir entre construír vivenda pública ou especulación, elixiu especulación, e por iso estamos como estamos”, reprochou ao titular do Executivo, ao que afeou que, cando empezou “a verlle as orellas ao lobo porque o problema da vivenda se fixo cada vez máis evidente”, o seu Goberno, na vez de actuar, tirou de “manual Pepero”. “E o primeiro punto dese manual é a manipulación e a propaganda, e isto é o que fan vostedes”, sintetizou.

Fronte aos bulos e as mentiras do PP, a líder nacionalista puxo sobre a mesa tres propostas concretas do BNG que si poden axudar a solucionar o problema da vivenda.

A primeira, un plan de compra masiva de vivenda para destinala a alugueiro, tendo en conta que en Galiza hai 90.000 pisos baleiros só nas grandes cidades e que vai a haber fondos do Estado destinados a tal fin. Unha medida que, recalcou, sería moito máis rápida, máis económica e máis sostible que centrarse única e exclusivamente na construción.

A segunda, a protección permanente de toda a vivenda protexida, xa que hoxe en día, co Goberno de Rueda, “un promotor pode recibir até 40.000 euros por unha vivenda e en 15 anos poñela no mercado a prezos imposibles”, alegou.

E a terceira e última, comprar toda a vivenda protexida que se poña en venda, xa que nos últimos anos se perderon 6.992 vivendas protexidas porque o Executivo do PP non as comprou cando foron vendidas. Case 7.000 vivendas que “poderían destinarse a alugueiro social” pero que non están aí porque a Xunta non quixo mercalas, afondou.

Pontón retou a Rueda a que detallase onde se están construíndo as 4.000 vivendas públicas que anunciou e recordoulle que, a piques de comezar 2026, leva case meda lexislatura esgotada. “Vostede sabe que non vai a haber 4.000 novas vivendas construídas dentro de tres anos”, reprochoulle.

Nesta liña, recalcou que segundo os propios datos da Xunta, o Goberno do PP entregou só 40 vivendas públicas en 2023. “Non lle podo dar os datos de 2024 e 2025 porque os ocultan. Se son tan bos, por que non mandan esa información a esta Cámara?”, cuestionoulle para evidenciar que, se houbese información e transparencia, “cáense todas as súas mentiras e toda a súa propaganda”.

Logo de recordarlle que o PP non leva dous anos gobernando, senón 16 “dinamitando a política social de vivenda”, a portavoz nacional reprochou a Rueda que, como vén sendo habitual nas sesións de control, tentase eludir “falar dos problemas reais” da cidadanía e “ocultar o seu fracaso na política de vivenda” con ataques á súa persoa e ao BNG, nesta ocasión “facéndolle oposición” tamén á alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín.

“As últimas vivendas públicas que se entregaron en Santiago de Compostela entregounas unha conselleira do BNG e vostedes levan prometendo desde o ano 2020 unha promoción no Castiñeiriño que tiña que estar rematada en 2022 e a día de hoxe as chaves están sen entregar, ese é o reflexo da súa política de vivenda”, reprendeu en resposta as alusións do titular do Executivo ao Concello de Santiago.

Por iso, emprazou a Rueda a deixar de intentar “demonizar ou criminalizar” ao BNG para “tapar a súa incompetencia política” e a exercer como presidente para mellorar o acceso á vivenda e darlle solución aos problemas que ten hoxe en día a cidadanía deste País. “Porque, mire, o problema non é si eu lle digo a vostede presidente ou non, o problema é que vostede non exerce como presidente dos galegos e das galegas”, concluíu.


BNG /