Redacción •  Galicia •  04/12/2022

BNG defende a creación dun Representante para o Sáhara Occidental no marco do Servizo de Acción Exterior da UE

  • Ana Miranda e Montse Prado representan aos Intergrupos da Eurocámara e do Parlamento Galego na Conferencia Europea de Apoio ao Pobo Saharaui
BNG defende a creación dun Representante para o Sáhara Occidental no marco do Servizo de Acción Exterior da UE

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, participa en Berlín na Conferencia Europea de Solidariedade co Pobo Saharaui (EUCOCO), en representación do Intergrupo de Apoio ao Sáhara do Parlamento Europeo, mentres que a deputada Montse Prado participa en representación do Intergrupo do Parlamento Galego. Na conferencia constataron a necesidade de desenvolver diversas iniciativas desde diferentes ámbitos. Entre estas actuacións figuran o fin da ocupación que leva a cabo Marrocos e a suspensión dos acordos con este país que afectan ao Sáhara Occidental e que supoñen unha clara falta de respecto aos dereitos humanos.

“Non podemos aceptar que desde a Europea só se dialogue con unha parte”, subliñou Ana Miranda, quen manifestou que o Intergrupo do PE tamén defende a creación dun Representante para o Sáhara Occidental dentro do Servizo de Acción Exterior da Unión Europea, dependente de Josep Borrell, que implica o recoñecemento do Frente Polisario como lexítimo representante do Sáhara Occidental.

Ana MirandaAna MirandaNa axenda de traballo desenvolvida en Berlín, a eurodeputada nacionalista moderou unha palestra de intergrupos de apoio ao Sáhara de todo o mundo, entre os que destacan os procedentes de Timor Leste, -representado por Xana Gusmao, líder da independencia de Timor Leste, presidente e premio Nobel-, México, Arxelia e Mauritania, A conferencia tamén contou coa participación de representantes de países nórdicos como Suecia, Finlandia, Noruega e Gran Bretaña.

Apoio ao Fronte Polisario

A Conferencia Europea de Solidariedade e Apoio ao Pobo Saharauí é a cita anual máis importante do movemento de solidariedade europeo co Pobo Saharauí na que participan delegacións de todo o mundo e na que as delegacións participantes denuncian ás ilegalidades cometidas por Marrocos e subliñan que o Frente Polisario é o lexítimo e único representante do Pobo saharaui, recoñecido xa pola ONU. Precisamente, na Conferencia participaron o primeiro ministro saharaui, Hamudi Beyun, o representante do Frente Polisario en Europa, Oubbi Buchraya Bachir, a ministra de cooperación saharaui, Fatma Mehdi, e varios delegados do Frente Polisario en Europa.

Ana Miranda, -nomeada recentemente vicepresidenta do Intergrupo do Parlamento Europeo de Apoio ao Sáhara Occidental, en representación do grupo Verdes-ALE-, avanzou que o Bloque na Eurocámara seguirá impulsando iniciativas de apoio as reclamacións do pobo saharauí. Así, apuntou que en febreiro está prevista a celebración dunha Conferencia de Xuristas.


Sahara Occidental /