Redacción •  Galicia •  04/10/2025

O siderometal de Ourense intensifica a loita por un convenio provincial digno

  • O sábado pasado tivo lugar unha concentración, mentres que para o vindeiro xoves 9 de outubro hai convocada unha manifestación
O siderometal de Ourense intensifica a loita por un convenio provincial digno

O persoal do siderometal da provincia de Ourense decidiu intensificar a loita por un convenio colectivo digno ante as propostas regresivas da patronal, de xeito que o pasado sábado desenvolveu unha concentración promovida pola CIG e pola UGT e para o vindeiro xoves día 9 ten convocada unha manifestación dende a Casa Sindical ás 20:00 horas.

Dende a CIG-Industria denuncian que a patronal do sector “busca o conflito” dende o primeiro momento cunha proposta de plus de asistencia “que é unha trampa, un caramelo envelenado”.

Neste senso, lembran que sentenzas do ano 2024 recoñecen que negar o pago dun complemento por absentismo a quen se atopa de baixa médica “é ilegal, e unha discriminación directa subsidiariamente e indirecta por motivos de saúde”.

Fan fincapé en que o aumento do absentismo é consecuencia directa do “desmantelamento” do servizo público de saúde por parte do Goberno da Xunta, que obriga o persoal enfermo a ter que agardar durante meses por probas ou tratamentos. “Mentres as mutuas, que elixen as empresas, lonxe de recoñecer enfermidades profesionais e accidentes axilizando os tratamentos, denegan o carácter laboral das baixas”, sinalan.

Ao mesmo tempo, consideran que un convenio a tres anos como pretende a patronal provoca incerteza a ambas partes en relación a cal será a suba do IPC para os vindeiros anos. “As empresas pretenden resolvelo (para elas) limitando a cláusula de revisión, é dicir, que se sube o IPC un 3% por riba da suba de convenio, perderíamos salario.


huelga /