Redacción •  Galicia •  04/08/2025

BNG acusa a Medio Rural de deixar as gandeiras e gandeiros totalmente desprotexidos fronte á nova vaga de Lingua Azul

Ariadna Fernández: “A neglixencia do Goberno do PP lévanos cara unha nova crise sanitaria no rural galego, que aínda trata de recuperarse da EHE”.

Critica o “protocolo errático” da Xunta, que suprimiu a vacina obrigatoria e agora, co virus xa circulando, aconsella poñela contra todos os serotipos.

BNG acusa a Medio Rural de deixar as gandeiras e gandeiros totalmente desprotexidos fronte á nova vaga de Lingua Azul

A deputada e portavoz de industrias agroalimentarias do BNG no Parlamento, Ariadna Fernández, acusa o Goberno do PP de deixar “totalmente desprotexidas” as gandeiras e gandeiros do País fronte á nova vaga de casos de Lingua Azul, unha enfermidade de declaración obrigatoria (EDO) da que estes días se veñen de confirmar en Galiza os primeiros cinco focos de dous novos serotipos, que xa afectaron tamén a centos de explotacións no Estado.

“Que un goberno delegue nos gandeiros/as a decisión e a responsabilidade de vacinar aos seus animais fronte a unha EDO é unha neglixencia que traerá consecuencias graves, levándoos novamente cara unha crise sanitaria ao rural galego, que aínda trata de recuperarse da ocasionada pola Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE)”, anticipa Ariadna Fernández, aludindo ao protocolo “errático” posto en marcha polo Goberno do PP para facer fronte tanto no caso da EHE como da Lingua Azul.

“Durante estes dous últimos anos asistimos a unha das peores crises sanitarias do sector gandeiro coa EHE, sen que se garantira unha actuación responsable por parte da Xunta, que abandonou á súa sorte ás persoas titulares das explotacións, e agora encaramos outro ano complicado coa afectación da lingua azul que pode rematar coa perda de moitas cabezas de gando de novo”, apunta a deputada de Lalín.

A Lingua Azul, enfermidade vírica transmitida ao gando bovino por vectores, foi obxecto dunha campaña de erradicación logo dos episodios de circulación rexistrados ao longo de 2023, cando Medio Rural retomou a vacinación obrigatoria co obxecto de minimizar os efectos do padecemento e as perdas económicas derivadas. Porén, denuncia a deputada do BNG, a vacinación non se fixo nin de xeito nin se chegou “en tempo e forma” para que chegase a ser universal.

A estas eivas no protocolo sumouse a decisión da Consellería do Medio Rural, en coordinación co Ministerio, de suprimir a vacina obrigatoria, subliña Ariadna Fernández, criticando neste sentido que en pouco tempo a Xunta pasou de trasladar aos gandeiros e gandeiras que a vacinación voluntaria non debera supoñer un aumento de risco nas explotacións a aconsellarlles a vacina contra todos os serotipos da enfermidade, “nun momento no que o virus xa está circulando e os efectos da inmunidade serán moito menores dos agardados”.   

“A presenza de máis de 2000 gromos ao longo do Estado no último período non foi abondo para que a Xunta de Galiza reforzara o sistema de protección e aconsellara cal era a mellor maneira de proceder para os propietarios/as dos animais, apoiando un cambio que implicou pasar de cero a cen a pesares dos datos que se manexaban”, salienta a deputada nacionalista, que achaca a decisión de Medio Rural sobre a vacina a un “claro intento de aforro en medios humanos e doses que agora os propietarios teñen que custear”.

É por todo isto que o BNG reclama, máis unha vez, que a vacina se administre de xeito gratuíto a todos aqueles gandeiros/as que queiran subministrarlla aos seus animais. “Sería o esperable desde unha consellería solvente. Actuar cando o problema xa está enriba non é propio dun goberno que tente protexer ao seu sector gandeiro”, conclúe a deputada.  


BNG /