Redacción •  Galicia •  04/01/2026

BNG asegura que a desprotección do patrimonio por parte do PP é un claro avance cara a liquidación da identidade de Galiza

  • Mercedes Queixas acusa o PP de colocar en primeiro plano a protección dos intereses do lobby eléctrico, pasteiro e mineiro, depredando o territorio
BNG asegura que a desprotección do patrimonio por parte do PP é un claro avance cara a liquidación da identidade de Galiza

A portavoz de Cultura do BNG, Mercedes Queixas, denunciou en rolda de prensa que o cambio “en solitario, pola porta de atrás e de costas á sociedade” da Lei de Patrimonio Cultural imposta a través da lei de acompañamento dos orzamentos é a “enésima modificación coa que o PP avanza no proceso de liquidación da identidade de Galiza”. A lei, que entrou en vigor o 1 de xaneiro, “representa un retroceso grave para a protección do patrimonio galego” e “pon en risco boa parte da herdanza cultural que conforma a nosa identidade como pobo e que deberiamos legar ás seguintes xeracións”, alertou.

A deputada nacionalista sinalou que esta imposición beneficia en realidade “intereses alleos” ao patrimonio galego e non á sociedade. “O PP colocou en primeiro plano a protección dos intereses do lobby eléctrico, pasteiro e mineiro, facilitando a depredación do patrimonio arqueolóxico dos nosos montes ou poñendo en perigo o Camiño de Santiago como Patrimonio da Humanidade coa avaliación patrimonial positiva para a instalación da macrocelulosa Altri”, exemplificou.  “A mingua de recursos económicos e de persoal técnico suficiente na Xunta para coidar do patrimonio cultural dos galegos avanzou ao tempo que o PP multiplicou os recursos legais que facilitaron o sacrificio do noso patrimonio colectivo”, criticou.

Queixas engadiu que esta modificación non só desprotexe o patrimonio de Galicia, senón que tamén transfire a responsabilidade aos concellos, a maioría deles sen recursos nin persoal cualificado para informar das intervencións nos ámbitos protexidos, o que, subliñou, “é un paso atrás no recoñecemento da nosa identidade cultural”.

“A medida descarga nos concellos a delegación de competencias á hora de autorizar as intervencións que se realicen en bens catalogados con protección estrutural e ambiental, tanto nos seus contornos de protección como nas súas zonas de amortecemento, eliminándose a autorización previa da Consellería, recalcou., advertindo que a partir de agora, en calquera intervención en cerca do 90% dos bens catalogados con protección, eliminarase a autorización previa da Xunta de Galiza.

Ademais, critica a falta de consulta previa, tanto aos concellos como ás voces autorizadas da xestión patrimonial –Consello da Cultura Galega, a Fegamp, a Plataforma Estatal de profesionais de Arqueoloxía, a Asociación para a Defensa do Patromonio Cultural Galego, a Facultade de Historia da USC, así como a Real Academia Galega de Belas Artes– que están a facer pública a súa oposición á Lei e a demandar a súa suspensión e reforzar con máis técnicos as unidades de Patrimonio da Xunta para axilizar a tramitación de expedientes.

A portavoz de Cultura do BNG recordou que en 2026 cúmprense dez anos da aprobación da Lei de Patrimonio Cultural de Galiza, un década na que, segundo, afirmou, o PP veu practicando o “borrado progresivo da identidade cultural galega”,  a través da “desprotección legalizada” do patrimonio cultural. “Fíxoo baleirando a Lei de patrimonio cultural de contido, capacidade executiva e operativa a través de sucesivas modificacións de leis depredadoras, até chegar nesta última tramitación orzamentaria a delegar o que é indelegábel por lei”, concretou.

Indicou que a “renuncia” a exercer as competencias exclusivas da Xunta en materia de protección e conservación do patrimonio cultural “pode comprobarse ano tras ano co recorte orzamentario”, que fai que a contía sexa practicamente a mesma que a de 2009, que lembrou, é de 22 millóns de euros.

 A maiores, recordou que  a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural está “afogada economicamente, mais tamén en recursos humanos, convertida nun departamento irrelevante para o goberno do tándem Feijóo-Rueda, que non está á altura do legado que temos en Galiza e do que no BNG nos sentimos moi orgullosas”.

Lembrou que o PP vetou a petición do BNG da comparecencia do director xeral de Patrimonio Cultural na Comisión de Cultura así como a da supresión do artigo 78, que é o que modifica a Lei de Patrimonio Cultural, avanzando así na súa desprotección.

É por iso que a deputada nacionalista anunciou que o BNG “seguirá a traballar coa sociedade galega” e para que o Goberno de Rueda “rectifique e non siga avanzando nun sentido oposto ao das obrigas de conservación que lle son propias e que poden poñer en risco de perda, destrución ou deterioro irreversible moitos dos bens protexidos que integran o patrimonio cultural de Galiza”, concluíu.


patrimonio /