A caída do paro e da afiliación reflicten que Galiza segue a perder poboación activa
A CIG demanda control real sobre a contratación a tempo parcial e eliminar a figura do contrato fixo-descontinuo.

O mes de novembro deixa unha redución na afiliación media á Seguridade Social en Galiza do 0,2% (2.346 persoas en alta menos) e unha baixada do paro rexistrado do 1,6% (equivalente a 1.714 persoas) con respecto ao mes de outubro. Isto supón que o noso país segue a perder poboación activa, afectando especialmente esta caída na afiliación á provincia de Lugo, que rexistrou preto da metade da baixada (1.050 persoas), cando ademais foi o territorio no que menos medrou o desemprego.
A maioría do descenso da afiliación produciuse no réxime xeral e no RETA e a meirande parte rexistrouse entre a rama de hostalaría (-3,3%) e administración pública (-1,8%). Mentres, educación continuou na senda do mes pasado, rexistrando un incremento do 1.9% polas necesidades propias do curso escolar.
| Afiliación á SS | Variación | |||
| Outubro | Novembro | Absoluta | % | |
| A coruña | 481.331 | 480.751 | – 580 | -0,1% |
| Lugo | 127.759 | 126.709 | – 1.050 | -0,8% |
| Ourense | 108.714 | 108.687 | – 27 | 0,0% |
| Pontevedra | 385.178 | 384.489 | – 689 | -0,2% |
| Total | 1.102.982 | 1.100.636 | – 2.346 | -0,2% |
En concordancia coas ramas de actividade onde se rexistrou o descenso da afiliación, os tipos de contrato máis afectados foron os fixos-descontinuos e os temporais a tempo completo.
| 2025/10 | 2025/11 | Variación | ||
| Absoluta | % | |||
| TODAS AS MODALIDADES DE CONTRATOS | 852.387 | 850.529 | -1.858 | -0,2% |
| INDEFINIDO-T. Completo | 492.066 | 493.202 | 1.136 | 0,2% |
| INDEFINIDO-T. Parcial | 118.225 | 119.135 | 910 | 0,8% |
| INDEFINIDO-Fixos Descontinuos | 36.852 | 33.769 | -3.083 | -8,4% |
| TEMPORAL-T. Completo | 90.152 | 88.850 | -1.302 | -1,4% |
| TEMPORAL-T. Parcial | 29.525 | 29.700 | 175 | 0,6% |
| APREND., FORMACIÓN e PRÁCT. | 3.060 | 2.917 | -143 | -4,7% |
| OUTROS | 82.506 | 82.955 | 448 | 0,5% |
Fonte: Seguridade Social
No referido ao paro rexistrado, o maior incremento produciuse entre ás mulleres, que suman o 92% das novas persoas en situación de desemprego, e o 77% da caída produciuse no sector servizos.
| Persoas paradas | Variación | |||
| Outubro | Novembro | Absoluta | % | |
| A coruña | 44.970 | 44.313 | -657 | -1,5% |
| Lugo | 11.245 | 11.208 | -37 | -0,3% |
| Ourense | 13.775 | 13.611 | -164 | -1,2% |
| Pontevedra | 43.396 | 42.440 | -956 | -2,2% |
| Total | 113.386 | 111.572 | -1814 | -1,6% |
Fonte: SEPE
Inestabilidade laboral e precariedade
O secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG, Francisco González Sío, valora que estes datos reflicten como a estacionalidade e as diversas necesidades do mercado de traballo e do sistema produtivo de Galiza, cun peso cada vez maior do sector servizos, “provocan que as oscilacións de persoas traballadoras e de emprego aumenten mes a mes afondando na inestabilidade e na inseguridade laboral”.
Estas variacións son facilmente detectábeis na hostalaría, cuxa caída leva aparellada unha baixada tamén nos contratos fixos-descontinuos durante o pasado mes do 8,4% (- 3.083) e do 1,4% nos contratos temporais a tempo completo (-1.302); “modalidades das que se abusa nesta actividade e que agravan a pobreza laboral”.
González Sío advertiu que a contratación temporal xa está en niveis similares previos á reforma de 2021 -que se marcou como un dos obxectivos reducir a inestabilidade no traballo- e que as actividades nas que se xera emprego (ligadas á hostalería, comercio e as ramas sociosanitarias) “precisan de man de obra pero aplican unhas condicións moi precarias tanto en cuestións de contratación como en materia salarial”.
Fronte á esta realidade, a CIG segue a reivindicar a derrogación das reformas laborais de 2012 e de 2021 “e que se potencie de forma clara a contratación indefinida e a tempo completo”. González Sío demandou un maior control por parte da Inspección de Traballo e das propias administracións sobre os contratos a tempo parcial “para que non haxa un abuso” e insistiu na necesidade de acabar coa figura da contratación fixa-descontinua, que cualificou como “unha bolsa de precariedade e pobreza laboral”.
Considerou urxente reactivar a negociación colectiva como ferramenta fundamental da clase traballadora para avanzar en dereitos e devolverlle ás traballadoras e traballadores a forza e a presencialidade á hora de negociar os convenios “que as reformas de 2012 dinamitaron e que a reforma de 2021 non restituíu en absoluto”.
E neste sentido, instou a reforzar a capacidade de mobilización da clase obreira para poder ter unhas condicións laborais dignas e mudar a actual situación de extensión dos baixos salarios, da explotación e da pobreza.
