Ana Pontón: “Galiza merece industria sustentable e de futuro e non as macrocelulosas contaminantes do pasado que ofrece o PP”
En 1963 o franquismo impuxo ENCE, en 2025 Rueda quere impoñer ALTRI, a bomba ambiental que non quere Portugal, critica a líder do BNG.

A portavoz nacional, Ana Pontón, encabezou a ampla representación do BNG na tradicional marcha que se celebra entre Pontevedra e Marín para reivindicar o traslado de ENCE fora da ría, reivindicación á que este ano se suma tamén o rexeitamento a ALTRI, a macrocelulosa que o goberno de Rueda pretende instalar no corazón de Galiza.
“Unha bomba ambiental que non só afectaría á comarca da Ulloa senón tamén á Ría de Arousa, a máis produtiva do País, e o que debería facer o señor Rueda é escoitar o clamor social que demanda tanto a saída de ENCE da ría como parar ALTRI”, explicou a líder do BNG, crítica coa incapacidade do presidente da Xunta para atraer proxectos industriais innovadores e de futuro.

“Non é capaz de atraer para Galiza proxectos industriais sustentables e o único que ofrece son as macrocelulosas do século pasado; en 1963 o franquismo impuxo ENCE e agora en 2025 o goberno do PP quere impoñer ALTRI, pero non imos permitilo e esta nova mobilización demostra que hai un clamor contra estes proxectos”, alegou, por contra, o que demanda a sociedade é “industria de futuro, que xere emprego sustentable, preserve o medio ambiente e o territorio”.
A portavoz nacional do BNG deixou claro que Galiza aspira a moito máis “que a ser un lugar no que se asenten as industrias que non queren en Portugal, despois de que o goberno do País veciño decidira tras os pavorosos lumes de 2017 que non se podía seguir eucaliptizando o seu territorio para alimentar novos proxectos de macrocelulosas. E ALTRI quere vir a Galiza a facer o que non lle deixan facer en Portugal”, denunciou.
Neste sentido, o Bloque xa ten posto encima da mesa como proposta política a implantación dunha moratoria na plantación de eucalipto cando menos até 2030, como fixo o País luso, e traballar para recuperar as máis de cen mil hectáreas de superficie agraria ocupadas ilegalmente con eucalipto.
“Nin podemos, nin queremos aceptar que o atentando ambiental que significa ALTRI poñendo en risco miles de postos de traballo na terra e no mar, poñendo en risco o medio de vida de miles de familias ao tempo que se contaminan os nosos ríos e rías e o noso monte”, recalcou Pontón, destacando que, man a man coa cidadanía, o BNG “vai seguir dando a batalla desde o punto de vista político, legal e social para que Galiza quede libre deses proxectos que hipotecan o noso futuro para dar paso a un desenvolvemento industrial sustentable e de vangarda que é o que precisamos”.