BNG condena rotundamente o ataque á Flotilla humanitaria internacional Rumbo a Gaza
- Ana Miranda: “Esiximos que a Unión Europea tome cartas no asunto e sobre todo esiximos que se pare o xenocidio en Gaza”.

A eurodeputada Ana Miranda expresa a condena rotunda do BNG ao ataque sufrido esta noite por un buque da Flotilla internacional Rumbo a Gaza mediante drons, “unha flotilla humanitaria que pretendía denunciar o xenocidio que está practicando Israel co Pobo Palestino”.
“A impunidade de Israel ten que rematar”, salienta Ana Miranda ao respecto, ao tempo que explica que o ataque produciuse mentres a embarcación estaba en augas internacionais, en augas europeas cerca de Malta, e que foi saboteada por Israel cun ataque de drons e que afortunadamente só produciu danos materiais.
Segundo afirma a eurodeputada galega, a Unión Europea ten que reaccionar e denunciar o xenocidio que se está producindo en Gaza. “Esiximos á Unión Europea que tome medidas no asunto, esiximos que se respecten as augas internacionais e sobre todo esiximos que se pare o xenocidio en Gaza.
Solidariedade internacionalista
Ana Miranda lembra que ela mesma participou na Flotilla rumbo a Gaza no 2015. “Sei ben que Israel non gusta da axuda humanitaria e non lle gusta tampouco que o internacionalismo estea denunciando este xenocidio e a súa impunidade vai moito máis alá do imaxinado: atacar un barco humanitario que está en augas internacionais”, manifesta, expresando a solidariedade internacionalista do BNG con todos os membros da Flotilla.
“A Unión Europea ten que mollarse e o Estado español tamén ten que dicir algo inmediatamente”, subliña a eurodeputada do BNG, quen precisamente esta semana participou na coorganización dunha conferencia no Parlamento Europeo de Bruxelas sobre o xenocidio que Israel está acometendo en Gaza, e que contou cunha ampla representación de expertos en dereito internacional, xornalistas, activistas e doutores.