Redacción •  Galicia •  03/03/2026

BNG presenta a campaña do 8M baixo o lema ‘Mulleres á fronte’ apelando a combater o avance do negacionismo machista

Propostas: servizo público de coidado de menores a domicilio, ampliar as escolas infantís, rematar coa precariedade na Xunta e un Instituto de Mulleres.

Pontón critica a Rueda que incumpra os seus plans de igualdade e se poña do lado do machismo como co conselleiro denunciado por agresión sexual.

BNG presenta a campaña do 8M baixo o lema ‘Mulleres á fronte’ apelando a combater o avance do negacionismo machista

A portavoz nacional, Ana Pontón, presentou a campaña do BNG para o 8-M cunha chamada ás mulleres galegas a poñerse á fronte na defensa dos seus dereitos e da igualdade nun momento de rearme do machismo. “Estamos vendo como hai unha involución moi forte que cuestiona o propio feminismo e a loita pola igualdade e que quere levarnos moitos pasos atrás”, advertiu nun acto no que estivo acompañada por unha representación de mulleres do BNG, entre elas a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín e a responsábel de Acción Feminista, Noa Presas.

A campaña, que se desenvolve baixo o lema Mulleres á fronte, pretende poñer o foco precisamente en que a discriminación, que ten a súa cara máis cruel na violencia de xénero, persiste en tódolos ámbitos, como amosan por exemplo os datos sobre a fenda salarial, que non deixou de medrar e que en termos absolutos é a maior desde que hai datos, situándose en 4.706 euros, subliñou Pontón, que tamén se referiu á taxa de temporalidade que soportan as mulleres galegas, por riba da media estatal.

Subliñou, así mesmo, que as mulleres seguen levando o peso  dos coidados, do que da boa conta que, segundo o dato de 2025, son elas que piden o 80 % das excedencias. Unha situación que se agrava, denunciou, por culpa dun Goberno do PP que “leva case vinte anos facendo que as mulleres retrocedamos”. “En vez de poñer o turbo das políticas de igualdade está facendo que vaiamos cara atrás”, advertiu.

Aludiu, neste punto, á deterioración no sistema de coidados froito das políticas dun PP que suprimiu a Secretaría Xeral de Igualdade e o Instituto Galego das Mulleres, que recortou as axudas ás vítimas da violencia machista ou que “en vez de poñerse do lado da denunciante o que fai é defender ao agresor”, como ocorreu co caso do ex conselleiro do Mar ou “cando (o PP) recupera para as súas filas a condenados” por agresión a unha muller, lembrou.

Pontón recriminoulle ademais ao Goberno de Rueda que teña “caducadas” as súas políticas de igualdade, o que sucede co Plan galego de benestar de conciliación, o Plan de loita contra a explotación sexual (desde hai dous anos xa) ou o Programa de muller e ciencia”.

Fronte a un PP que “non está traballando pola igualdade e que nos está levando cara atrás nun momento de involución global”, o BNG presenta neste 8-M medidas concretas para avanzar e “poñer o turbo” na defensa dos dereitos das mulleres.

Que a propia Xunta deixe de ser “unha máquina de producir traballo precario entre as mulleres”, sobre todo no ámbito dos coidados, é un dos obxectivos do programa do goberno alternativo do BNG, que propón neste sentido facer unha auditoría retributiva nos servizos que subcontrata e avanzar legalmente para que aquelas empresas que discriminen salarialmente ás súas traballadoras non poidan contratar coa administración e sexan sancionadas.

Pontón propuxo tamén a creación dun servizo público de coidado de menores a domicilio como alternativa de conciliación para mulleres e homes. Co mesmo obxectivo, defendeu a posta en marcha dun plan de ampliación da rede de escolas infantís de 0 a 3 anos.

Fronte a un Goberno da dereita que se carga as ferramentas institucionais para avanzar en igualdade, a líder nacionalista avogou, como outra das propostas do Bloque, pola creación do Instituto  Galego das Mulleres.

Pontón presentou a campaña do 8M xunto a un espazo publicitario no centro de Santiago ocupado polo cartaz elaborado para o BNG por Julia Lago, Premio Castelao de Banda Deseñada no 2021. Un cartel que representa “unha gran matrioska, unha gran muller de mulleres diversas” que teñen en común a loita feminista, tal e como explicou a deputada Noa Presas, quen apelou á fortaleza do 8M fronte a quen cuestiona o feminismo e quen “vende” o “relato absolutamente falso” da igualdade acadada.  

Escalada bélica en Oriente Próximo

En resposta ás preguntas dos medios, Pontón reiterou o rexeitamento do BNG aos ataques unilaterais de Estados Unidos e de Israel contra Irán. Ataques detrás dos que, dixo, “non hai ningunha acción que defenda nin a democracia nin ás mulleres, nin ningún tipo de avance social”, senón que “o único que buscan é o control xeopolítico e dos recursos petroleiros que hai na zona”. “A comunidade internacional ten que dar unha resposta que estea a altura, non como estivo facendo no caso de Palestina, mirando para outro lado”, salientou.

“Trump está levándonos a un mundo cada vez máis inseguro e inxusto,  a un mundo onde ademais  todo isto nos pode vir de rebote cunha maior inflación e empeorando as nosas condicións de vida”, alertou “Non queremos a ningún sheriff americano controlando o mundo. O que defendemos son os dereitos, a liberdade, o dereito internacional e que os conflitos teñen que ter unha solución pacífica”, engadiu.

Escoitar e coidar ao persoal do Sergas

A portavoz nacional do BNG referiuse tamén á folga na sanidade, que considerou resultado do “desastre ao que o PP está levando o noso sistema público”, cun recorte en atención primaria de máis de 1.600 millóns de euros e cunhas políticas laborais que impoñen a precariedade ao cadro de persoal do Sergas.

“O PP ten que abandonar a súa soberbia e a súa propaganda e poñer os recursos que necesita o sistema sanitario público para acabar coas listas de espera en a precariedade dos profesionais sanitarios, aos que hai que escoitar, coidar e atender”, manifestou Pontón.      


8M /