Redacción •  Galicia •  02/12/2025

Esquerda Unida presentou unha alegación á totalidade do Anteproxecto de Lei de Aministración Ambiental Simplificada

  • Lino Costas: “O anteproxecto de Lei de Administración Ambiental Simplificada está claramente orientado a satisfacer as demandas dos grandes promotores de proxectos enerxéticos e industriais”.
  • Esquerda Unida pide a retirada do Anteproxecto de Administración Ambiental Simplificada e a súa reformulación en base á participación cidadá e á importancia de protexer e ampliar a Rede Natura 2000.
Esquerda Unida presentou unha alegación á totalidade do Anteproxecto de Lei de Aministración Ambiental Simplificada

Esquerda Unida denuncia que este anteproxecto de lei contempla cambios que reducen a protección ambiental. “Entre eles – apunta o coordinador nacional de EU, Lino Costas -, está a supresión da obriga de realizar comunicación previa aos concellos no por parte dos promotores de proxectos industriais, levantar a prohibición de novos tendidos eléctricos procedentes dos parques eólicos en Rede Natura 2000 ou a insistencia en regular as entidades privadas de colaboración ambiental coma unha forma de privatizar a tramitación da avaliación ambiental de xeito que entidades privadas con ánimo de lucro poidan suplantar as funcións da Administración Pública”.

Ao respecto desta última cuestión, Costas lembra que “o propio Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anulou parte do DECRETO 102/2023 por considerar que supoñía unha verdadeira privatización da tramitación da avaliación ambiental”.

No que respecta ás liñas eléctricas de evacuación dos parques eólicos, sobre o feito de que estas poidan atravesar espazos protexidos pola Rede Natura 2000, Esquerda Unida denuncia que é “especialmente grave pola afección que isto xeraría a zonas supostamente protexidas e máis tendo en conta que a Comisión Europea ten abertos dous procedementos de infracción sobre a Rede Natura que afectan a Galicia” engade Lino Costas.

O procedemento aberto en 2023 pola UE considera insuficientes os espazos protexidos en Galicia e pide a ESPAÑA que complete a súa Rede Natura 2000. “A Rede Natura 2000 en Galicia, que leva anos sen ser ampliada, abarca 355.000 hectáreas, o 12% da superficie da Comunidade, lonxe da media española (27%) e unha das máis baixas da Unión Europea” matiza o coordinador nacional.

Para EU, este anteproxecto de lei “é unha mostra máis de como apoiándose na lexítima causa de loitar contra o quecemento global, dende as administracións públicas aprovéitase para favorecer ao capital privado, prostituíndo deste xeito a propia causa ambiental” engade Lino Costas.

Segundo Costas, o suposto obxectivo perseguido polo anteproxecto, a descarbonización da economía e a neutralidade climática, “sería máis sinxelo de acadar se se regulase e promovese o establecemento de Comunidades enerxéticas”. Pola contra, o Goberno da Xunta presenta un Anteproxecto que “vai en contra do Medio Ambiente e á propia poboación únicamente para favorecer ao capital privado” conclúe o coordinador nacional.


Esquerda Unida /