Redacción •  Galicia •  02/08/2025

Esquerda Unida polo recoñecemento e dignificación do Servizo de Axuda no Fogar

  • Lino Costas: “O que aconteceu no Porriño non pode quedar reducido a unha declaración simbólica de condena. Debe marcar un punto de inflexión. Non chega con anunciar un protocolo, hai que cambiar de raíz o modelo actual, onde a precariedade e a desprotección son a norma”.
Esquerda Unida polo recoñecemento e dignificación do Servizo de Axuda no Fogar

A raíz do tráxico asasinato dunha traballadora do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) no concello do Porriño mentres exercía a súa labor, dende Esquerda Unida queremos reiterar o noso máis profundo pesar e solidariedade á familia, amizades e compañeiras da vítima.

O Servizo de Axuda no Fogar é un dos sectores laborais máis feminizados e precarios, onde a meirande parte das traballadoras son mulleres que asumen tarefas que moitas veces non lles corresponden e vense (lamentablemente como sucedeu no Porriño esta semana) expostas a enormes riscos laborais, situacións de abuso, penosidade e graves problemas de saúde física e mental.

Dende Esquerda Unida coincidimos na necesidade urxente dun protocolo específico de seguridade para as traballadoras do sector, tal e como tamén outras forzas políticas veñen de solicitar, mais non podemos deixar de sinalar a hipocrisía de quen agora fai esta proposta “cando, en moitos casos, gobernan en concellos onde levan anos ignorando as pésimas condicións laborais destas profesionais – matiza Lino Costas -. Se de verdade hai vontade política, que comezen por aplicar estas medidas nos seus propios gobernos municipais”.

O Servizo de Axuda no Fogar é esencial para o benestar da poboación, tan imprescindible como a Sanidade ou a Educación públicas. É hora de recoñecer e dignificar a súa importancia e a das mulleres que o sustentan co seu traballo diario.

Por iso, dende Esquerda Unida esiximos, por unha banda, a remunicipalización do SAF, subrogando a todas as traballadoras, eliminando a precariedade laboral e expulsando as empresas privadas cuxo único obxectivo é o lucro a costa da explotación destas profesionais.

En segundo lugar, dende EU consideramos imprescindible un incremento da partida orzamentaria adicada ao SAF que se traduza nunaumento do persoal e recursos destinados ao servizo para garantir a súa calidade e seguridade.

Esquerda Unida tamén contempla que é precisa unha avaliación rigorosa dos riscos laborais, “tanto xerais como específicos en cada intervención, tendo en conta a vulnerabilidade das traballadoras que prestan o servizo en soidade” apunta Costas. Na proposta de Esquerda Unida inclúese o estudo de alternativas como o traballo en parellas e a valoración do o entorno físico e social das persoas usuarias.

Por último, a formación cre indispensable a creación de espazos de participación e escoita activa para que as traballadoras poidan facer chegar as súas propostas e necesidades.

“Un concello é a institución máis próxima a veciñanza e neste caso son os xestores deste servizo, tendo polo tanto unha grande responsabilidade sobre o seu desenvolvemento. É inaceptable a falta de control sobre as empresas concesionarias por parte dos Gobernos municipais. Esa desidia as veces interesada pode ter consecuencias como o acontecido no Porriño” sinala Lino Costas.

“Dende Esquerda Unida seguiremos traballando por un Servizo de Axuda no Fogar público, digno e seguro” conclúe o Coordinador Nacional da formación.


servicios públicos /