Redacción •  Galicia •  02/07/2025

Ana Pontón: “A vivenda ten que ser considerada un piar máis do estado do benestar, como a sanidade ou a educación»

  • O goberno alternativo do BNG propón un novo modelo de vivenda protexida na que a súa cualificación sexa permanente con prioridade para o alugueiro
  • Aumentar a reserva de solo para VP e que a Xunta adquira inmobles ou solares vendidos por baixo do prezo do mercado, entre as alternativas
  • Propostas no curto prazo: declarar mercados tensionados, limitar os pisos turísticos e mobilizar vivenda baleira para frear a suba dos prezos
  • Abre xunto á alcaldesa Goretti Sanmartín a xornada do BNG sobre vivenda na que participan a arquitecta e exconselleira de Vivenda do Bloque, Teresa Táboas, expertos universitarios, cooperativista e responsables de entidades que traballan a favor da integración social
Ana Pontón: “A vivenda ten que ser considerada un piar máis do estado do benestar, como a sanidade ou a educación»

A portavoz nacional, Ana Pontón, defendeu a urxencia de dar un cambio de rumbo ás políticas de vivenda e establecer un novo modelo de vivenda protexida na que a súa cualificación sexa permanente e se dea prioridade ao alugueiro sobre a venda para crear un parque público estable e suficiente que ofrecer á cidadanía.

“É hora de que a vivenda sexa considerada un piar máis do estado do benestar, como a sanidade ou a educación, porque é un ben esencial e un dereito das persoas”, indicou para defender as propostas do goberno alternativo do BNG neste ámbito de actuación. 

Así o recalcou xunto á alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, na apertura da xornada sobre vivenda organizada polo BNG e coordinada pola portavoz parlamentaria na materia, Alexandra Fernández, na que participaron especialistas como a arquitecta e a exconselleira de Vivenda do Bloque, Teresa Táboas, así como expertos universitarios, xestores de cooperativas, responsables de entidades que traballan a favor da integración social e responsables políticos da formación nacionalista neste ámbito, como o concelleiro de Urbanismo e Vivenda de Santiago, Iago Lestegás.   

Encontro vivenda

Pontón afondou no novo modelo proposto polo BNG que pasa por aplicar a cualificación permanente a toda a vivenda protexida -o que permitiría xerar un proceso acumulativo para crear un parque público estable e suficiente- e por dar prioridade ao alugueiro, de tal xeito que cando menos o 50% da vivenda protexida sexa posta no mercado neste réxime.

Neste sentido, apuntou ao exemplo de países referentes no contorno europeo, como Alemaña, Francia ou Austria, neste último, exemplificou, onde o concello de Viena é propietario, copropietario ou xestor de aproximadamente o 50% dos inmobles residenciais da cidade, o que significa que un millón de persoas, a metade da poboación, vive en pisos con algún tipo de protección.  

A portavoz nacional avogou en terceiro lugar por “priorizar sobre o xa construído”, apostando sempre que se poida pola adquisición pública de vivenda baleira e a renovación de tecidos urbanos, fronte ao modelo do PP que só contempla o desenvolvemento de novos solos. Nesta liña, o goberno alternativo do BNG defende que a Xunta exerza o dereito de tanteo para adquirir de forma permanente solares ou inmobles que se vendan por baixo do prezo de mercado.   

Ademais, Pontón incidiu en que a vivenda protexida ten que selo a prezos accesibles, polo que reclamou á Xunta que revise a suba do 40% dos prezos que vén de aprobar, o que provoca que as rendas baixas non poidan acceder nin tan sequera pola vía da vivenda protexida. Nesta liña, o Bloque avoga por que o custe da vivenda protexida se tome baseándose en indicadores obxectivos da evolución do prezo da construción e das características do inmoble e que, ademais, se establezan bonificacións para as e os adxudicatarios en función dos seus ingresos. 

Por último, considerou preciso incrementar as porcentaxes de reserva de solo para vivenda protexida en, como mínimo, o establecido na lexislación estatal, xa que non se entende que a Xunta fale agora de adquirir 3,3 millóns de metros cadrados de solo para a construción das 20.000 novas vivendas protexidas que anunciou, ao tempo que boicotea as reservas de solo para vivenda protexida futura.

Unhas supostas 20.000 novas vivendas protexidas porque, recordou, o Goberno do PP só foi quen de construír 40 das 870 novas vivendas de promoción pública previstas no Plan de Vivenda 2015-2020 ou de rehabilitar tan só nove das 1.500 que anunciou no Plan Rexurbe. “Agora o Partido Popular promete facer en catro anos o que non fixo en quince”, ironizou, para criticar a continuación que o Executivo do PP dinamitase a política social de vivenda até volvela inexistente.

Neste sentido, recordou que de manterse o ritmo de investimentos en vivenda que había en 2009, teríanse investido 1.700 millóns de euros máis en vivenda. “Está claro que de continuar coa política de vivenda que promovía o BNG desde a consellería de Vivenda, con Teresa Táboas á fronte, hoxe Galiza tería unha situación moi diferente”, afondou.   

Fronte a un PP que recortou un 50% o investimento en vivenda e que ademais deixo cada ano millóns de euros sen executar, a líder nacionalista trasladou á sociedade que si hai alternativa. “Queremos dicirlle á xente que hai alternativa, que hai outro modelo posible en que se poña límites aos prezos, onde se ordenen os usos e onde impulsemos outro modelo de vivenda protexida, non para impulsar a construción e plusvalías particulares, senón para baixar prezos, garantir a accesibilidade e promover modelos urbanos sostibles”, sintetizou.

Pontón defendeu a necesidade de acompañar estas medidas con outras a curto prazo que permitan frear o incremento dos prezos e que articulou sobre tres eixos fundamentais. O primeiro, a declaración de mercados tensionados por parte da Xunta en todos os concellos onde se cumpre esta condición; o segundo, o establecemento dun tope aos pisos turísticos en todo o territorio galego e, por último, a posta en marcha de políticas efectivas de mobilización de vivenda baleira que contribúan a aumentar a oferta.

“Fronte a un goberno do PP que permite e ampara a especulación coa vivenda, as propostas do goberno alternativo do BNG, por un cambio de paradigma, apostando polo aluguer sobre a venda para crear un parque público estable e suficiente que ofrecer á cidadanía”, concluíu.


BNG /