Redacción •  Galicia •  02/01/2026

O persoal de Textil Lonia traslada as protestas por condicións dignas a tendas de Carolina Herrera e Purificación García

Desenvolveu concentracións o mércores 31 coincidindo cunha nova xornada de paros na empresa ourensá

O persoal de Textil Lonia traslada as protestas por condicións dignas a tendas de Carolina Herrera e Purificación García

O persoal de Sociedad Textil Lonia de Ourense concentráronse o pasado mércores 31 de decembro, Día de Ano Vello, diante das tendas de Carolina Herrera e Purificación García na cidade tras o fracaso da última negociación coa empresa para pactar salarios xustos e condicións de traballo dignas. A mobilización coincidiu cunha nova xornada de paros de dúas horas, mentres que para este luns día 5 teñen hai convocada unha folga de 24 horas.

Estas mobilizacións -previstas inicialmente para o pasado luns 29 pero que foron suspendidas despois de que a empresa abrise unha vía de diálogo- celebráronse en establecementos de marcas para as que Textil Lonia confecciona roupa a nivel internacional, como son Carolina Herrera e Purificación García. E chegaron despois da proposta “insuficiente e indignante” presentada pola empresa, “que supón unha perda de poder adquisitivo para as persoas traballadoras e non dá resposta ás necesidades reais do cadro de persoal”.

Dende a CIG de Ourense explican que Textil Lonia ofreceu un plus de vinculación que se traduce no incremento dun 0,8% no salario base para o persoal que cumpra cinco anos na empresa (8,46 euros brutos ao mes), un 1% para o que cumpra 10 anos, un 1,5% para o que cumpra 15 anos e un 2,5% para o que cumpra 20 anos na empresa. O que ben sendo, para a categoría máis baixa e con salarios máis precarios (especialistas) un incremento mensual bruto de 8,46 euros (cinco anos de antigüidade), 10, 58 euros (10 anos de antigüidade), 15,87 euros (15 anos de antigüidade) e 26,46 euros (20 anos de antigüidade).

“Esta oferta salarial é un insulto, e por suposto está moi afastada dunha proposta xusta e digno, polo que provocou un profundo malestar entre o cadro de persoal”, lamenta a secretaria comarcal da CIG-Ourense, Xulia González.

A responsábel sindical, que participa na mesa de negociación, denuncia a falta de vontade real da empresa para avanzar no recoñecemento do esforzo diario do persoal, clave para o prestixio e os beneficios das marcas que representa. “Non se pode falar de éxito empresarial mentres se precarizan as condicións laborais e se desprezan as reivindicacións básicas do colectivo”.

Neste senso, salientou o feito de que tanto os paros como as mobilizacións están a rexistrar un amplo seguimento, “visibilizando o descontento existente e a determinación das persoas traballadoras para continuar coas protestas se a empresa non rectifica a súa postura”.

Ao mesmo tempo, lembrou que ante a ausencia de avances reais na negociación as centrais CIG, CCOO e UGT teñen convocada unha xornada de folga de 24 horas para este luns 5 de xaneiro “como medida de presión para esixir unha proposta salarial digna e unhas condicións de traballo xustas”. Con todo, non descartan novas convocatorias de folga nin outras accións de protesta se a empresa mantén a súa actitude e non presenta unha proposta que respecte os dereitos e a dignidade do persoal. “Instamos a dirección a rectificar a súa postura e retomar as negociacións con responsabilidade e respecto cara as persoas traballadoras”, rematou.


precariedad laboral /