Redacción •  Galicia •  01/06/2025

Persoal das residencias de maiores privadas en loita por un convenio digno mobilízase nun Congreso de Xeriatría en Ourense

  • A intención da CIG-Servizos era forzar unha xuntanza co presidente da patronal maioritaria do sector en Galiza, que evitou calquera contacto.
Persoal das residencias de maiores privadas en loita por un convenio digno mobilízase nun Congreso de Xeriatría en Ourense

Persoal do sector das residencias da terceira idade privadas en loita por un convenio digno trasladou hoxe as súas reivindicacións ao XXXV Congreso Internacional de Xeriatría e Xerontoloxía organizado pola Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría (SGXX) en Ourense. Con esta mobilización a CIG-Servizos pretendía forzar unha xuntanza co presidente da patronal maioritaria do sector en Galiza, presente no acto pero que evitou calquera tipo de contacto cos representes da central, polo que non puideron trasladarlle a solicitude de reunión.

Un grupo de persoas traballadoras de residencias accedeu por volta das 9:30 horas ao interior do Centro Cultural Marcos Valcárcel para interromper a berros o inicio dun Congreso que se celebra hoxe e mañá baixo o lema ‘Avellentamento, benestar e atención especializada’ e no que participan tanto responsábeis políticos como das principais empresas do sector.

O director do Congreso dirixiuse aos manifestantes para reclamarlles que abandonasen o auditorio alegando que se trata unicamente dun encontro técnico, algo que fixeron tras permanecer varios minutos máis coreando consignas. Con todo, trasladaron a protesta ao recibidor do edificio, que non abandonaron até a chegada da Policía española pasadas as 11:30 horas. A continuación desenvolveron unha concentración ás portas do inmoble que durou arredor dunha hora ao berro de “Convenio digno, convenio xusto”.

A través desta campaña de mobilizacións -que incluíu catro xornadas de folga até o de agora- as persoas traballadoras das residencias de maiores privadas queren denunciar as propostas de miseria trasladadas pola patronal, que ten bloqueada a mesa de negociación dende o pasado mes de outubro. “Estamos reivindicando unhas condicións salariais e de traballo dignas, pero o empresariado só nos ofrece migallas a pesar de ingresar beneficios millonarios e subirlle os prezos ás persoas usuarias”, critican.

A CIG-Servizos lembra que este é un sector altamente feminizado e moi precarizado, no que a maioría das traballadoras cobran por debaixo do SMI e que rexistra unha elevada incidencia de enfermidades músculo-esqueléticas -que non están recoñecidas como profesionais- debido aos grandes esforzos físicos que se realizan. “As IT non están recoñecidas dende o primeiro día nin ao 100%, polo que hai moitas compañeiras que van traballar aínda estando enfermas”, advirten as delegadas da CIG. A redución da xornada máxima anual é outra das principais demandas do sector para este convenio.

“Pedímoslle á patronal que sente negociar con nós e chegar a acordos para un convenio novo que non sexa de mínimos, senón un convenio decente que é polo que estamos loitando”, aseveran.

Actualización das ratios

Poñen o acento na sobrecarga laboral constante que ten que asumir o persoal pola falta de traballadoras e traballadores e o deterioro asistencial que esta precariedade supón para as usuarias e usuarios. “Na maioría das residencias unha traballadora soa atende a 10 ou 15 persoas dependentes e temos dúas horas para facerlle todo o que precisa (erguer da cama, aseo, cambio de cueiro, etc). Como lle podemos dar unha atención decente a estas persoas?”.

Por iso, exixen unha actualización das ratios “que quedaron totalmente obsoletas” e que se adecúen ás necesidades reais dos centros.  “Non pode ser que haxa quendas de noite con só dúas traballadoras para atender a 150 residentes; residencias de 60 persoas cunha soa auxiliar; ou que de noite non haxa presenza física de persoal de enfermería porque a Xunta decidiu en decembro mudar a orde de ratios e eliminar esta obrigatoriedade”, denuncian.

“Chegou o punto de alzar a voz e dicir basta, necesitamos unhas condicións de traballo dignas e uns salarios xustos. Este é un sector esencial pero está tan precarizado que falta persoal precisamente polas malas condicións laborais. Non hai vocación que soporte esta precariedade”, conclúen.


movilización /