Redacción •  Galicia •  01/04/2026

BNG denuncia que a escalada militarista tradúcese en “máis carestía, máis presión enerxética e perda de poder adquisitivo”

A formación nacionalista presenta “Na Galiza: paz, soberanía, dereitos”, unha campaña para confrontar o aumento do gasto militar e a exaltación do Exército español, que terá o seu punto álxido no desfile de maio en Vigo.

Lucía López alerta do “desvío de diñeiro público” mentres sanidade e educación “esmorecen”; Bieito Lobeira exixe a cancelación do acto militar e a “eliminación definitiva” do servizo militar obrigatorio.

BNG denuncia que a escalada militarista tradúcese en “máis carestía, máis presión enerxética e perda de poder adquisitivo”

O Bloque Nacionalista Galego vén de presentar en rolda de prensa a súa campaña “Na Galiza: paz, soberanía, dereitos”, unha campaña que se desenvolverá nos vindeiros meses co obxectivo de denunciar o actual contexto de “exaltación militarista e escalada bélica imperialista”. A secretaria nacional de organización, Lucía López, e o membro da Executiva nacional, Bieito Lobeira, deron a coñecer os eixes dunha estratexia que combinará a mobilización social coa acción institucional.

Lucía López comezou advertindo da “realidade cada vez máis preocupante” dunha escalada bélica internacional que “só trae destrución e sufrimento para os pobos”. Neste senso, criticou que o Estado español está a protagonizar “o maior incremento de gasto militar da súa historia recente”, acadando no 2025 máis do 2% do PIB en defensa, o que supón ao redor de 34.000 millóns de euros. “Ningunha outra partida, nin sanidade, nin educación, experimentou tal suba”, subliñou, cualificando este desvío de recursos como unha estratexia “impulsada polo imperialismo promovido polos Estados Unidos e a OTAN e asumida sumisamente polo PP e polo PSOE”.

A dirixente nacionalista puxo o foco na “normalización do militarismo” en Galiza, citando como exemplo a visita de máis de 150 alumnos e alumnas a un buque de guerra no porto de Ribeira ou o investimento de 200 millóns de euros públicos na chamada Estratexia Galega do Aeroespazo, a Seguranza e a Defensa, promovida pola Xunta en colaboración coa multinacional Indra. “Non imos permitir que o pobo galego siga a pagar as consecuencias deste delirio militarista”, afirmou, ao tempo que sinalou que a guerra se traduce en “máis carestía da vida, máis presión sobre os prezos da enerxía e perda de poder adquisitivo”.

Neste contexto, López fixo unha dura crítica á celebración en Vigo o vindeiro 30 de maio do desfile do Día das Forzas Armadas Españolas, un acto cualificado como “auténtico despregue propagandístico” que incluirá exposicións de armamento, concertos de bandas militares e simulacións de desembarcos. Fronte a iso, o BNG apoiará a manifestación convocada pola Plataforma Galiza pola Paz nesa mesma xornada. “O PSOE non pode pregoar unha guerra mentres se enchen as rúas da maior cidade de Galiza con militares, armamento e símbolos dunha monarquía anacrónica”, sentenciou.

Pola súa banda, Bieito Lobeira subliñou a necesidade de actuar con “firmeza e coherencia” ante un “momento crítico na historia da humanidade”, marcado pola hexemonía dos Estados Unidos e a OTAN. O dirixente nacionalista reivindicou os valores históricos do nacionalismo galego, como o antimilitarismo, o pacifismo e o antiimperialismo, e cargou contra o “seguidismo brutal” da Unión Europea respecto de Estados Unidos.

Lobeira exemplificou o “despropósito” do investimento militar sinalando que “co último lote dos mísiles Patriot que o Estado español acaba de adquirir aos Estados Unidos, poderíanse rescatar tres veces a Autoestrada AP-9, facéndoa gratuíta, galega, pública e libre de peaxes”. Ademais, exixiu á Xunta de Galiza que sexa “leal” cos seus propios pronunciamentos sobre a neutralidade ideolóxica nos centros educativos, denunciando o “adoutrinamento” de nenos e nenas con visitas de policías e militares ás aulas.

Finalmente, Bieito Lobeira fixo un chamamento explícito ao Goberno español para que “cancele a organización do desfile previsto o 30 de maio en Vigo” e reiterou a aposta do BNG pola “eliminación definitiva do servizo militar obrigatorio”, aínda suspendido pero non abolido. “A paz e a OTAN son nocións incompatibles. O que cómpre é saír da OTAN, eliminar a presenza militar norteamericana nas bases do Estado español e reorientar a política exterior en termos de pacifismo”, concluíu.


BNG /