Redacción •  Galicia •  29/09/2016

O Colexio de Xornalistas reclama aprobar unha lei de transparencia galega e avanzar no dereito de acceso á información

Con motivo do Día Internacional do Dereito a Saber, a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia lembra a necesidade de avanzar no dereito de acceso á información e reclama a aprobación dunha Lei de Transparencia de ámbito galego.

O Colexio de Xornalistas reclama aprobar unha lei de transparencia galega e avanzar no dereito de acceso á información

O 28 de setembro celébrase o Día Internacional do Dereito a Saber, unha xornada conmemorativa establecida en 2002 para concienciar á poboación sobre a importancia do dereito á información e impulsar sociedades abertas e democráticas nas que a cidadanía participe das decisións públicas. O dereito a saber, que garante o acceso á información das institucións, é unha ferramenta fundamental para a rendición de contas e o exercicio do dereito á información, recoñecido na nosa contorna desde a aprobación da Lei de Transparencia, acceso á información pública e bo goberno no 2013.

Malia a que a aparición desa lei signifique un paso positivo, cómpre avanzar máis no recoñecemento do dereito de acceso á información pública. Así, a normativa vixente, aprobada sen consenso, establece un período dun mes, excesivamente longo, para dar resposta á demanda de información, e considera o silencio administrativo como unha negativa, cando toda denegación debera ser debidamente xustificada para non atentar contra o dereito á información. É necesaria unha lei máis extensa e efectiva que garanta o acceso á información económica, orzamentaria e estatística de todas as institucións, e non só aquelas directamente dependentes da Administración.

Alén diso, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere lembrar, como xa fixo nas misivas remitidas aos principais candidatos á presidencia da nosa comunidade, que no ámbito galego é tamén crucial elaborar unha lei de transparencia informativa que garanta o acceso á información pública. Sen esta norma, prometida en repetidas ocasións pero non aprobada até o de agora, a información recibida pola cidadanía pode ser nesgada e estar negandose polo tanto un dereito básico como é o dereito á información.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, entidade de dereito público que representa aos xornalistas galegos segundo a lei 2/1999 de 24 de febreiro acordada polo Parlamento de Galicia, ten a obriga legal de velar pola independencia e a liberdade informativa en beneficio da sociedade galega, e de defender, conforme ao artigo 20.1 de la Constitución Española, o dereito á libertad de información e de expresión garantidas a todos os cidadáns.


comunicación /  xornalismo /