Redacción •  Salvemos Cabana •  Galicia •  19/08/2018

Antón Sánchez: «A autorización ambiental do parque eólico Mouriños non garante a preservación dos valores naturais, patrimoniais e paisaxísticos da zona afectada»

Bo coñecedor das virtudes da Serra do Gontón (Cabana de Bergantiños), o paraíso natural onde Naturgy pretende instalar o proxecto, o vicevoceiro de En Marea leva máis dun ano denunciando que a posta en marcha desta instalación responde ao tipo de políticas que o PP de Alberto Núñez Feijóo ven desenvolvendo en Galicia, a través dunha "venda" sistemática do territorio que non ten en conta o interese xeral e que non protexe en ningún caso á terra e as súas xentes fronte á cobiza das grandes multinacionais, pero que sin embargo sí fomenta o "capitalismo de amiguetes" para liquidar Galicia "a prezo de saldo". 

Antón Sánchez: «A autorización ambiental do parque eólico Mouriños non garante a preservación dos valores naturais, patrimoniais e paisaxísticos da zona afectada»

O deputado considera que a aprobación ambiental do parque eólico de Mouriños que a Xunta fixo pública esta semana «non garante a preservación dos valores naturais, patrimoniais e paisaxísticos da zona» e confirma «unha vez máis» a aposta do Partido Popular «por un modelo económico de espolio» dos recursos naturais, «baseado en que aquí quedan os impactos e os beneficios fuxen de Galicia e non xeran ningún tipo de riqueza na economía local e nin sequera deixarán un euro de canon eólico», todo isto «nun país excedentario en produción eléctrica e que paga a factura máis cara do Estado».

PARALIZACIÓN DAS DIRECTRICES DA PAISAXE

Sánchez denuncia que a política do Goberno de Núñez Feijóo «pon á Administración ao servizo destas empresas» ao paralizar a aprobación das Directrices da Paisaxe para non prexudicar a implantación destes parques eólicos» porque para cando se aprobe esta normativa, «estes parques xa estarán autorizados ou instalados e polo tanto xogaremos a feitos consumados», impulsando así un tipo de proxectos «que non xeran riqueza na economía local e sí xeran grandes beneficios que poderían ser, con outro modelo, un xeito de dinamizar a economía rural de Galicia».

«A demora da aprobación das Directrices da Paisaxe é a coartada perfecta para que se autoricen parques eólicos sen un marco esixente de protección da paisaxe e sen o nivel de esixencia maior ao que obrigarían esas normas» -afirma o deputado-, lembrando que dende finais do ano pasado atópanse en trámite 21 proxectos eólicos que afectan a 30 concellos galegos. 

UNHA SITUACIÓN FOMENTADA POLA LEI DE DEPREDACIÓN

Mentres as Directrices da Paisaxe continúan paralizadas, Sánchez alerta de que «seguen adiante as tramitacións de proxectos empresariais que, sen o debido control, poden ter un impacto altamente negativo no entorno», axudados pola Lei 5/2017 ou «Lei de Depredación», aprobada pola vía urxente en tan só tres meses, feita cun trámite «totalmente pirata para impedir un debate sosegado da sociedade e todas as forzas políticas».

PAPEL DA CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

Así as cousas, o tamén Coordinador Xeral de Anova insta á aprobación das Directrices da Paisaxe e critica a xestión da Conselleira de Medio Ambiente Beatriz Mato, de quen considera que está «máis preocupada en remover calquera obstáculo ambiental para a actividade das empresas e en agochar as consecuencias das desfeitas ambientais que en protexer o medio ambiente».

Por iso, reclama unha revisión do plan sectorial eólico unha vez se aproben as Directrices da Paisaxe, dado que o PP «está a pasar por riba» da veciñanza ao declarar de utilidade pública estes proxectos eólicos cando a instalación dos mesmos «non está a deixar beneficios e sí impactos» no que supón unha «estafa xeralizada» á cidadanía.

O MODELO EÓLICO DO PP

Antón Sánchez considera,, que «o modelo eólico promovido polo Partido Popular é o modelo do espolio, que agasalla aos grandes investidores o territorio, o vento e os beneficios producidos» pois nun sector cunha facturación anual que supera os 600 millóns de euros «máis do 85% do capital investido é extranxeiro», repartido entre grandes eléctricas, bancos e fondos voitre. 

«En cambio para o noso país só quedan as migallas» -denuncia Sánchez-, pois o único que busca o Goberno do PP «é acelerar o espolio da riqueza en Galicia aínda que sexa a costa do impacto paisaxístico e ambiental» -remata o deputado-. 


Antón Sánchez /  Beatriz Mato /  Consellería de Medio Ambiente /  En Marea /  Naturgy /  proxecto eólico Mouriños /  Xunta de Galicia /