Redacción •  Wikimedia commons •  Galicia •  17/08/2017

En Marea pide a ilegalización da Fundación Francisco Franco e insta á Xunta a outorgar a xestión das visitas do Pazo de Meirás ao Concello de Sada

O grupo considera “unha provocación a toda a sociedade” que se encargue das visitas ao tempo que esixe unha desculpa pública ás vítimas da represión franquista.

En Marea pide a ilegalización da Fundación Francisco Franco e insta á Xunta a outorgar a xestión das visitas do Pazo de Meirás ao Concello de Sada
O grupo parlamentario de En Marea ven de rexistrar unha proposición non de lei na que, entre outras cuestións, esixe á Xunta de Galicia obrigar á Fundación Francisco Franco a emitir unha desculpa pública ás vítimas da represión, así como a realizar as actuacións necesarias para que sexa o Concello de Sada o que faga a xestión das visitas do Pazo de Meirás, segundo o disposto na Lei de Patrimonio Cultural de Galicia. Na iniciativa, o grupo pide ademais instar ás Cortes de España, aos grupos parlamentarios e ao Goberno español a promover iniciativas lexislativas conducentes á modificación da vixente Lei 50/2002, de Fundacións, e declarar ilegais aquelas que teñan por obxecto a homenaxe e exaltación da vida e obra criminal do ditador.
 
Motivos sobran coa comunicación da Fundación Francisco Franco da súa intención de difundir o legado do ditador e asasino Franco e o continuado incumprimento do réxime de visitas que legalmente se estableceu e de atención telefónica para concertar as visitas que estivo desconectado durante un mes. A sanción de 6.000 euros por se considerar unha falta leve, unha cantidade ridícula para os propietarios, que poden seguir a incumprir o réxime das visitas por un módico prezo malia que o patrimonio dos propietarios se estime en 500 millóns de euros.
 
O vicevoceiro de En Marea no Parlamento de Galicia, Antón Sánchez, asegurou que a xestión das visitas do Pazo de Meirás pola Fundación é “unha provocación a toda a sociedade do Estado e especialmente a galega, obrigada a facer doazóns en diñeiro, terreos, traballos, e que sufriu espolio e roubo directo nos seus bens e propiedades chamado eufemisticamente ´subscrición voluntaria`, mediante o que se conseguiron os cartos obtidos pola “junta pro pazo” que despois mercaría o mesmo e que llo regalaría ao militar golpista”. Sánchez lembrou que foi a propia Xunta a que estableceu que fose a familia do ditador a que xestionase as visitas sabendo que o propio proceso de declaración do Pazo de Meirás como BIC estivera rodeado de incumprimentos e atrancos pola propia familia que obrigou a acudir á orde xudicial para poder entrar no Pazo.“ E inda así concedeulle a propia xestión das visitas a pesar de que o concello de Sada se ofrecera voluntario para a xestións das mesmas” engadiu.
 
A deputada de En Marea, Ánxeles Cuña, pola súa banda denunciou o feito de que noutros países da contorna “serían hoxe impensables este tipo de fundacións, que estarían prohibidos por facer exaltación dunha ditadura que deixou miles de asasinadas froito dun golpe de estado contra a lexitimidade democrática republicana vixente na época, e despois dunha guerra que deu paso a 40 anos de ditadura na que perderon a vida miles de persoas inocentes”. O Estado español inda garda nas súas cunetas e en fosas comúns das que hai rexistradas 2382 e identificadas polo Ministerio de Xustiza, permanecendo milleiros de vítimas nelas, e das que só se escavaron aproximadamente 200. Somos o segundo país despois de Camboia con maior número de fosas comúns. “A memoria democrática deste país esixe que as vítimas sexan obteñan memoria, xustiza e reparación” esixiu Ánxeles Cuña.
 
Cabe lembrar que a Lei 52/2007, de 26 do decembro, pola que se recoñecen e amplían dereitos e se establecen medidas en favor dos que padeceron persecución ou violencia durante a guerra civil e a ditadura contempla no artigo 15 a retirada de subvencións a propietarios que de xeito privado ou colectivo que exalten a sublevación militar, a guerra civil e da represión da ditadura. “Este é o caso máis flagrante de exaltación da sublevación, da guerra e da represión ditatorial e fascista levada a cabo en España por o caudillo, que asasinou a milleiros de persoas, que seguen sen exhumar ca complicidade das administracións. Agora a fundación ven facer a exaltación dun asasino criminal ao Pazo de Meirás, aproveitando a laxitude da aplicación da lei” afirmou Antón Sánchez.
 
O grupo parlamentario de En Marea considera que a Xunta de Galicia non pode tolerar pasivamente a detentación da Fundación da xestión do réxime de visitas do BIC, moito menos cando lle consta, tamén por escrito, a disposición formal do Concello de Sada a asumir dita función.
 
Por todo isto, o grupo de En Marea presentou unha proposición non de Lei para o seu debate en Pleno na que se pide que o Parlamento de Galicia inste á Xunta de Galicia a:
 
1.-Realizar todas as actuacións tendentes a impedir e /ou no seu caso non autorizar a que sexa a fundación -de exaltación dun ditador- a que xestione as visitas ao BIC Pazo de Meirás.
 
2.-Condenar unanimemente o negacionismo do golpe de estado e da ditadura, así como da exaltación da mesma na persoa do ditador feita pola fundación, e impropia dun estado social democrático e de dereito recollido no artigo 1 da constitución española.
 
3.-Esixir aos propietarios detentadores do inmoble o cumprimento do réxime de visitas ao BIC segundo o disposto na Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, con independencia da resolución dos expedientes polos incumprimentos reiterados xa incoados, coa imposición da máxima sanción prevista na lei para ditas infraccións.
 
4.- Realizar as actuacións tendentes a que sexa o Concello de Sada o que faga a xestión das visitas ao Pazo de Meirás, segundo o disposto na Lei de Patrimonio Cultural de Galicia.
 
5.-Realizar e prestar apoio institucional a todas aquelas actuacións encamiñadas a recuperar o Pazo de Meirás para a titularidade e uso públicos.
 
6.- Formalizar declaración institucional de condena expresa ao comunicado vertido por dita fundación e a reparar e apoiar a memoria das vítimas do franquismo.
 
7.-Obrigar a esta e outras fundacións e entidades, ao respecto máximo a legalidade vixente tanto estatal como a propia de Galicia, empezando pola non degradación das Institucións Parlamentarias e de Goberno de Galicia e o cumprimento das leis de normalización lingüística, que prohiben a deturpación da toponimia oficial.
 
8.-Obrigar a fundación a emitir un desculpa pública ás vítimas da represión, tanto a través de internet como en medios privados de ampla tirada, segundo o artigo 15.1 e 4 da Lei 52/2007, de 26 do decembro, pola que se recoñecen e amplían dereitos e se establecen medidas en favor dos que padeceron persecución ou violencia durante a guerra civil e a ditadura.
 
9.- Instar as Cortes de España, aos Grupos Parlamentarios e ao Goberno español a promover iniciativas lexislativas conducentes á modificación da vixente Lei 50/2002, de Fundacións, co obxecto de amparar a declaración de ilegais daquelas que como a antedita teñan por obxecto a homenaxe e exaltación da vida e obra criminais do ditador.
 

En Marea /  memoria histórica /