Redacción •  Galicia •  10/10/2018

Esquerda Unida considera que o discurso triunfalista de Feijóo dista moito da realidade que vive Galicia

“Nin unha soa palabra escoitamos no Debate da Nación para as mulleres e homes pensionistas do noso país, que levan un ano loitando pola revalorización das súas pensións na rúa, xa que en Galicia temos unhas das pensións máis baixas do Estado”, sinala a coordinadora nacional de Esquerda Unida e deputada de En Marea, Eva Solla.

Esquerda Unida considera que o discurso triunfalista de Feijóo dista moito da realidade que vive Galicia

Compostela, 9 de outubro de 2018. A intervención de Alberto Núñez Feijóo no Debate sobre o Estado da Nación que esta mañá tivo lugar no Parlamento galego deixa ver un Partido Popular absolutamente illado da realidade galega e que deixa fóra do debate os problemas serios das galegas e galegos que na súa maioría viven con salarios de miseria que non permiten afrontar o pagamento das hipotecas ou ter unha vida digna fronte as políticas de recortes e constantes privatizacións ás que nos ten acostumadas o Goberno do PP.

“Nin unha soa palabra escoitamos no Debate da Nación para as mulleres e homes pensionistas do noso país, que levan un ano loitando pola revalorización das súas pensións na rúa, xa que en Galicia temos unhas das pensións máis baixas do Estado”, sinala a coordinadora nacional de Esquerda Unida e deputada de En Marea, Eva Solla. “Tampouco escoitamos nada sobre a realidade do noso país respecto a temas como o desemprego, que vén de aumentar un 1,5% máis que na media do Estado, ou da precariedade laboral, que obriga a emigrar ás mozas e mozos para buscar un futuro mellor”, apunta Solla.

Segundo a coordinadora nacional de Esquerda Unida, “o presidente non tivo propostas para os lumes que asolagan Galicia, para os traballadores de Seaga ou para o sector do mar, a pesar de que as mulleres sexan as principais afectadas por ter empregos precarios e están a loitar por ter convenios dignos”, contou.

Respecto á saúde, o Presidente de Galicia evitou falar dos recortes e das privatizacións dos últimos nove anos, así como a consecuente perda de dereitos laborais e do acceso á saúde das galegas e galegos.  “Feijóo minte sobre as cifras de persoal sanitario que di que se incrementa no servizo de saúde (onde só contamos ata 1.000 profesionais menos en Atención Primaria nos últimos anos) e tamén nas listas de agarda”, datos solicitados en reiteradas ocasións pola deputada de En Marea. Tampouco houbo palabras para o persoal de Povisa, empresa que vén de solicitar un preconcurso de acredores e agora intenta empregar aos traballadores e traballadoras para obter máis cartos públicos, pese a obter beneficios millonarios.

No discurso do presidente da Xunta de Galicia, problemas como a violencia de xénero ou a sinistralidade laboral, cifras das que seguimos a encabezar as listas do Estado, semellan non importar.

Respecto a mención do Presidente ao que podería ser “memoria histórica”, “a equidistancia mostrada por Feijóo entre as vítimas e os verdugos do franquismo fai que permaneza a impunidade que sofren as vítimas e as súas familias”, explicou Solla, que rematou esixindo a Feijóo que se pronunciara dunha vez sobre as palabras ambiguas de Casado, quen recoñecía que “tiña moitas coincidencias con Vox”.

Por último, dende Esquerda Unida lamentamos que, en vez de facer autocrítica ou propor medidas reais para unha Galicia na que estamos a ver a preocupante cronificación do desemprego e da desigualdade social, o presidente falara dun lugar irreal.


Alberto Núñez Feijóo /  Esquerda Unida /