Redacción •  Galicia •  04/08/2018

En Marea responsabiliza ao PP de que Galicia pague a factura da luz máis cara do Estado pese a ser unha comunidade excedentaria na produción de enerxía eléctrica

O vicevoceiro de En Marea, Antón Sánchez, criticou que a Xunta aportara ao Estado a información necesaria para que se aplicara ese incremento.

En Marea responsabiliza ao PP de que Galicia pague a factura da luz máis cara do Estado pese a ser unha comunidade excedentaria na produción de enerxía eléctrica
O grupo de En Marea apunta ao Partido Popular como responsable de que Galicia teña que afrontar o recibo da luz máis caro do Estado pese a ser unha comunidade excedentaria na produción de enerxía eléctrica, e tendo que asumir os costes sociais e medioambientais que iso supón. O incremento da factura débese entre outras cuestión á colaboración da Xunta aportando ao Estado a información necesaria para que se aplicase ese incremento.
O vicevoceiro de En Marea salientou que o Goberno galego podería ter imitado ao goberno balear que respondeu que o tributo sobre o que se pedira información non incide nin directa nin indirectamente nos elementos vinculados ao transporte, distribución ou produción de enerxía eléctrica e que, por outra banda, non se ten constancia de información remitida polos posibles suxeitos pasivos. Esta mesma resposta sería aplicable en Galicia.
As distintas comunidades autónomas participaron de maneira desigual neste procedemento de recollida de información, aportando a necesaria para a determinación de suplementos unicamente as comunidades de Galicia, Murcia, Madrid, País Vasco, Aragón e Castilla-La Mancha.
Ante esta situación, En Marea fai un chamamento ao PSOE para que rectifique e poña fin a esta inxustiza modificando o decreto que a consagra. Así mesmo o grupo parlamentario rexistrou unha iniciativa solicitando a Xunta de Galicia toda a información aportada para a aplicación. “Galicia non pode pagar a factura máis cara do Estado cando hai zonas do Estado que se están a beneficiar da produción enerxética galega” concluíu Sánchez.

En Marea /