Redacción •  Galicia •  02/07/2016

O Colexio de Xornalistas volve reclamar a creación do Estatuto Profesional e o Consello de Informativos da CRTVG

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia expresa a súa preocupación polo deterioro do clima laboral na Compañía de Radiotelevisión de Galicia (CRTVG) e considera que o debate sobre o tratamento informativo nos medios de comunicación é imprescindible en democracia e debería estar aberto decote aos profesionais e aos cidadáns, especialmente cando se trata de medios de titularidade pública.

O Colexio de Xornalistas volve reclamar a creación do Estatuto Profesional e o Consello de Informativos da CRTVG

Neste sentido, cómpre lembrar a obriga de que a CRTVG habilite as canles necesarias para que sexa posible o cumprimento da Lei 9/2011, de 9 de novembro, dos Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia, e que establece como principios no seu artigo 4, tanto no «reflexo do pluralismo ideolóxico, político, cultural e social de Galicia» como na «obxectividade, imparcialidade, veracidade e neutralidade informativa, así como o respecto á liberdade de expresión e á formación dunha opinión pública plural».
 
A propia lei 9/2011 inclúe, no seu artigo 36, a creación do Estatuto Profesional da Corporación RTVG, «un instrumento destinado a fortalecer a calidade, profesionalidade e independencia dos contidos informativos ofrecidos polas distintas canles de radio, televisión e internet». Recolle, ademais, a necesaria creación dun Consello de Informativos «como órgano interno de participación dos profesionais da información da Corporación RTVG, co fin de velar pola independencia, veracidade e obxectividade dos contidos informativos difundidos por todas as súas canles».
 
A Xunta de Goberno do CPXG considera que o desenvolvemento da propia lei se converte hoxe na resposta máis atinada ante o deterioro do clima laboral evidenciado estes días polas medidas de vixilancia da redacción ordeadas pola Dirección Xeral, e polo feito de que propio o director cualificase como «unha seria intimidación a algúns traballadores» a protesta do pasado 23 de xuño na redacción de informativos, organizada polo Comité de Empresa. Os membros do Comité de Empresa, que rexeitan tallantemente esas acusacións e reproban que os telexornais da TVG non emitisen os polémicos «audios» da conversa entre o Ministro do Interior e o Director da Oficina Antifraude de Cataluña.
 


CRTVG /  radio /  xornalismo /