Ernesto Ilkermn •  Galicia •  01/02/2017

A masiva concentración tras as últimas asasinadas denuncia o feminicidio que se está a producir no país.

A pesar da choiva que caía en Vigo na tarde do 31 de xaneiro, esta foi unha das concentracións máis numerosas contra a violencia machista no corazón da cidade, onde tantas veces se concentran, haxa ou non mortas. Lamentablemente nesta ocasión recentes.

A masiva concentración tras as últimas asasinadas denuncia o feminicidio que se está a producir no país.
No manifesto leron os nomes das últimas mulleres asasinadas e continuaron afirmando que “non podemos asumir a cotidianeidade dos asasinatos machistas cando nos últimos cinco anos medio cento de galegas foron asasinadas por mor da violencia machista, case setecentas no estado español.” Trátase dun “feminicidio invisibilizado, e mesmo recentemente negado nos medios de comunicación”. Malia que nos últimos anos apareceu algo de concienciación social agora “non pode ser casual que dende varios estamentos da sociedade se pretenda poñer unha cortina de fume e reducir o feminicido á espiral da violencia a un sentimento innato do ser humano, desposeíndoo de xénero, pretendendo amosar que se trata de seres violentos, para invisibilizar a compoñente machista dos feminicidios” en referencia a casos nos que se poñen excusas para eludir falar de violencia machista, cando é tal.
 
O drama da violencia de xénero, ten a súa correlación en datos concretos que dan idea da magnitude do mesmo: os presos por violencia machista son o terceiro grupo máis numeroso nos cárceres. Pero as institucións públicas non acaban de pasar de xestos, sen tomar medidas efectivas para acabar co feminicidio. Mentres o sistema patriarcal siga dominando a sociedade “non haberá nin democracia nin igualdade de xénero” pois cando se considera á muller como unha propiedade falta a súa liberdade. 
 
Continuarán mobilizándose cada vez que asasinen a unha porque a próxima pode ser calquera: a túa nai, a túa filla, a túa veciña… Porque hai que continuar «exisindo xustiza, loitando pola igualdade e polo respeto» Cun «¡Querémonos vivas! ¡Non morremos, somos asasinadas!» rematou a lectura do manifesto. Ao que seguiron berros de “¡Non son mortes, son asasinatos”, “¡O machismo é o terrorismo!” entre outras consignas que reivindican o fin de todas as violencias contra a muller.
 

feminicidio /  feminismo /  machismo /  Violencia de Género /