Touro só ten unha carteira para facer o reparto postal en todo o municipio
- CIG-Correos reclama a contratación de persoal para garantir o servizo e que se manteñan as tres prazas actuais.

A CIG-Correos denuncia que dende a pasada semana no Concello de Touro soamente hai unha carteira para cubrir todo o municipio, o que está a provocar que miles de obxectos queden cada día pendentes de reparto. Das tres prazas de coas que conta este concello, na actualidade só está traballando unha persoa, logo da xubilación recente dun compañeiro e a ausencia por vacacións do outro carteiro.
A CIG advirte que esta situación deriva nunha sobrecarga de traballo para a carteira que está operativa e provoca que xa haxa miles de obxectos postais pendentes de reparto. Neste senso, avanzan que hai moitos veciños e veciñas “que non van recibir a súa correspondencia en toda a semana”, o que supón un incumprimento da lei postal estatal e da encomenda de servizo público atribuída á empresa Correos.
O sindicato xa denunciara unha situación similar no verán, cando Correos decidiu non substituír a baixa por enfermidade dun dos carteiros. A falta de persoal, a acumulación de obxectos e a sobrecarga laboral son elementos comúns a todo o servizo dada a política de ‘0 substitucións’ e adelgazamento que practica Correos dende hai anos.
No caso de Touro, ademais, a situación agora podería empeorar, xa que a empresa postal ten intención de suprimir un posto de reparto dos tres actuais, deixando só dúas persoas dende este mes de novembro.
Diante disto, a CIG reclama a cobertura inmediata da ausencia por vacacións, que Correos desista na súa intención de recortar persoal nesta unidade e que se garanta un servizo público de calidade e unhas condicións laborais dignas.
Negocio privado camuflado
Por outra banda a Confederación Intersindical Galega continúa a tomar iniciativas para tentar frear a deriva comercial e privatizadora na Sociedade Estatal Correos e Telégrafos e vén de remitir un escrito para que o Goberno español e a SEPI aclaren se a comercialización de seguros de AXA a través da rede de oficinas de Correos está realmente amparada como Servizo de Interese Económico Xeral (SIEG) e baixo que condicións legais e financeiras se está a desenvolver.
No escrito enviado á SEPI, a CIG lembra que a normativa vixente establece que os SIEG que se encomenden a Correos deben prestarse a través dun contrato–programa entre a Administración Xeral do Estado e a Sociedade Estatal, no que se concreten as prestacións, as obrigas de servizo público, os mecanismos de control e as compensacións económicas que procedan.
Sen ese contrato–programa e sen un catálogo público de actividades SIEG, non é posíbel comprobar se a venda de seguros de AXA está realmente incluída como servizo de interese económico xeral ou se, pola contra, se está utilizando indebidamente esa condición para actividades privadas, desviando recursos e estrutura dunha empresa pública para beneficio dunha aseguradora.
John Vivanco, secretario nacional do sector de Correos da CIG, afirma que “non imos aceptar que baixo a etiqueta de SIEG se camufle un negocio privado. Ou o Goberno acredita con documentos oficiais que vender seguros de AXA é un servizo de interese económico xeral, con contrato–programa, control e compensación transparentes, ou estamos ante un uso inaceptábel da rede pública de Correos ao servizo dunha aseguradora”.
A CIG lembra ademais que, segundo a normativa que regula as sociedades mercantís estatais, correspóndelle á SEPI exercer a tutela financeira e de supervisión sobre Correos, garantindo a legalidade das encomendas e o uso axeitado dos fondos públicos.
Nesta realidade, o BNG rexistrou unha iniciativa no Congreso preguntando se o Goberno pensa publicar o contrato-programa, se remitirá copia dese documento á CIG, se a comercialización de seguros AXA figura ou non como SIEG, que resolución administrativa declararía esa actividade como tal, canto diñeiro entregou AXA a Correos por este servizo e se se avaliou a sobrecarga de traballo que implicará engadir estas tarefas a un cadro de persoal xa recortado.
Sumar tarefas comerciais nun contexto de recortes e sobrecarga
A CIG critica que esta deriva comercial chega no peor momento posíbel: con anos de política de contratación cero en Correos, con seccións sen cubrir e incidencias no cumprimento de prazos e cun proxecto de “última milla” que pretende desmantelar a figura do carteiro ou carteira de sección e incrementar a flexibilidade e a carga de traballo sobre o persoal.
Engadir presión para vender seguros de AXA “significa desviar aínda máis a empresa da súa función central como operador postal e loxístico público e empeorar as condicións laborais dun persoal xa tensionado”, advirte Vivanco.
Transparencia e un cambio de rumbo
Tanto a CIG como o BNG coinciden en esixir que o Goberno e a SEPI publiquen o contrato–programa dos SIEG de Correos, fagan público o catálogo completo de servizos incluídos baixo esa denominación, aclaren se a comercialización de seguros AXA está ou non amparada como SIEG e garantan que calquera ampliación de funcións en Correos se faga desde o público e para o público, e non ao servizo de intereses privados.
“Defendemos un modelo de Correos público, con emprego suficiente, seccións e servizos garantidos en todo o territorio. Se o Goberno español quere que Correos asuma novos servizos financeiros ou aseguradores, que sexan de titularidade e control públicos, non como tapadeira para facer negocio con AXA”, salientan.
Ambas organizacións manterán a súa acción coordinada nas frontes sindical, institucional e social, e non descartan novas iniciativas e mobilizacións se o Goberno e a dirección de Correos persisten nesta liña de utilización dunha empresa pública ao servizo de intereses privados.
