«Touro non pode ser unha mina»

Touro, 22 de decembro de 2026. Unha recente publicación do Consello da Xunta de Galicia, anuncia os resultados dun informe sobre o potencial que agocha Galicia en minerais estratéxicos.
A estimación que se realiza sobre o potencial económico que reportaría unha posible explotación dos recursos minerais que se anuncian no citado informe, que non viu a luz a pesar de estar financiado con fondos públicos, pero que si foi motivo de varias notas en medios de comunicación, andan nunha orquilla nada despreciable de entre 25.000 e 45.000 millóns de euros.
Moito se fala de impacto económico na rexión, cando realmente o impacto económico sería nos bolsillos de accionistas e grandes inversores, e poderíamos asegurar incluso nin tan siquera empresas con sede fiscal no territorio.
Nunca se fala dos axentes que se verán perxudicados, nin se cuantifica o valor dese prexuizo, dos danos colaterais, como tampouco se fala da destrucción de bens que foron transformados con fondos públicos, deses que saen dos petos de toda a cidadanía. Non deixa de ser unha campaña máis do que se coñece como greenwasing, querer convertir actividades contaminantes e insostibles en amigables e necesarias.
Imos facernos unha serie de preguntas para que nalgún momento ascuestións que nunca se teñen en conta nos estudos de impacto ambiental, nin nos informes de minerais críticos, si queden contempladas e cuantificadas á hora de facer alegremente informes favorables a instalación de industrias destructivas en terreos que xa contan cunha economía saneada e sostible, por exemplo, un proxecto mineiro que promete unha inversión de uns 200 millóns de euros en 18 anos nunha terra que destruiría moito máis que toda esa inversión que non quedaría aquí.
Canto vale un río? Canto vale a auga boa para beber, unha fonte, un pozo? Canto vale ter un río limpo? Canto vale a flora e a fauna dun río? Canto vale un monte? Canto vale a potabilización de augas abaixo dun punto de vertido con tratamento químico? Canto vale unha concentración parcelaria? Canto vale un monte? Canto valen os Camiños históricos? Canto vale o aire que respiras? Canto vale un sendeiro, un camiño, unha estrada? Canto vale a saúde?… poderiamos seguir contabilizando estes danos colaterais que sí teñen un coste ao final traducido en incremento do gasto público necesarias para subsanar as problemáticas que as industrias do greenwasing orixinan.
Non existen prezos de mercado para cuantificar estas perdas, pero sí podemos levar a conta en Touro de cantos cartos públicos se levan mal gastado por ter unha mina activa e pechada sin restauración nas nosas terras e as perdas contabilizadas de montes, brañas, ríos, camiños, estradas, calidade do aire, calidade da auga, sendas históricas e perda de oportunidades que se levan perdido por ter unha concesión mineira nas nosas terras. Non compensa.
