As traballadoras de SAF e de residencias de maiores suman forzas para reclamar condicións laborais dignas
- A ausencia de servizos mínimos no SAF obrigou ás propias traballadoras a autoorganizarse para atender ás persoas máis vulnerables.

As traballadoras do sector de coidados -residencias de maiores e Servizos de Axuda no Fogar- sumaron forzas convocando catro xornadas de folga, a primeira hoxe e as seguintes mañá, día 11 de setembro, e os días 24 e 25 de setembro, para exixir unhas condicións salariais e laborais dignas e clamar por un modelo de coidados que antepoña o benestar das persoas “ao lucro e egoísmo empresarial”. Con este motivo concentráronse esta mañá diante do Parlamento de Galiza, logo de ter que autoorganizarse para atender ás persoas máis vulnerables, ante a ausencia de servizos mínimos.
Coas mobilizacións e os paros demandan o desbloqueo das negociacións dos convenios colectivos e reclaman a intervención da Consellaría de Política Social, así como dos Concellos, como “os maiores responsables destes sectores esenciais, que logo esquecen o papel que desempeñaron estas traballadoras na COVID, que tantas vidas salvaron, e só serviu para que as empresas seguirán enriquecéndose”.
A isto engaden a “falta se sensibilidade, humanidade e responsabilidade das administracións”, pola tardanza en recibir unha resposta ante a demanda da CIG de negociar un protocolo para as situacións de violencia no sector de Axuda no Fogar, para evitar que, despois da desgraza acontecida no concello de O Porriño, situacións como esta non se volvan a repetir.
Neste sentido, Adolfo Naya, secretario nacional de Negociación Colectiva de CIG-Servizos, explicou que onte houbo unha reunión para falar dese protocolo coa FEGAMP, que propuxo que, ante os diversos protocolos dos sindicatos, debería ser o ISSGA quen fixese un borrador. “Tanto a FEGAMP, como os sindicatos e patronal aceptamos que o ISSGA liderase a proposta”, apuntou, incidindo en que “é necesario que a Xunta participe politicamente, con orzamentos adecuados, e que a Consellaría de Política Social estea nas reunións, como solicitamos”.
Para a CIG é esencial que se poida paralizar un servizo se hai perigo, “algo que agora non ocorre porque a Xunta prioriza o dereito do usuario sobre o risco das traballadoras”, subliñou Naya, quen considerou que “non pode ser que as traballadoras teñan que ir con policía ou con medo. Hai que buscar mecanismos, e se unha persoa é perigosa, retirarlle o servizo”.
Sobre esta cuestión, Soledad García, delegada da CIG do SAF do Concello de Santiago explicou que necesitan un protocolo “que nos dea seguridade”. Lembrou que ela tivo que pasar por numerosas situacións de risco “non só polos usuarios, que moitas veces teñen unha incapacidade cognitiva severa, senón tamén pola familia”, e a modo de exemplo relatou como, hai un ano “tiña un marido celoso porque atendía á súa muller e non lle facía caso a el, e case me parte un bastón na cabeza”. Por iso, lamentou o silencio de Rueda e que a Xunta eluda a súa responsabilidade.
A este respecto, Rosa Couto que lembrou que o convenio está caducado desde hai 12 anos, considerou que ese silencio “dá vergonza allea” e apuntou que “seguimos tendo problemas nos domicilios: familiares, usuarios agresivos, mándannos cada vez máis casos psiquiátricos, cando nós non temos por que tratalos. E seguimos igual porque esta xente non ten vontade política para solucionar o problema”.
Convenios dignos
Con estas xornadas de folga e mobilizacións as traballadoras do sector de coidados reclaman tamén unhas condicións laborais, salariais e sociais dignas. Os convenios tanto de residencias como de SAF están paralizados e “nin as patronais nin a consellaría teñen interese algún en activar as negociacións, e mentres CCOO E UGT miran para outro lado, como se a cousa non fora con eles”.
Fronte a isto, a CIG-Servizos demanda que no sector privado, se apliquen as mesmas condicións de traballo e salario que no sector público garantindo unha prestación de servizos de calidade para unha vida digna as persoas usuarias, tanto no seu domicilio, como nun centro asistencial ou residencial. En todo caso, matizan que mentres isto non aconteza as traballadoras deben ter unhas condicións xustas e un salario digno.
Foi Beatriz Fernández, delegada da CIG e traballadora do DomusVI de Ferrol, quen cualificou as condicións laborais nas residencias como “lamentable”. Explicou que levan meses arrastrando unha situación “insostible” que se agravou este”. “Non temos medios nin persoal” denunciou. “Os usuarios e usuarias están a morrer mal atendidos, e nin se coida ao persoal nin ás coidadoras. Hai moita fuga de persoal polas condicións, e contratan a calquera, con ou sen formación. Non damos feito o traballo en condicións, e as familias o notan coas queixas constantes porque non podemos atendelos como merecen”.
Por iso, reclaman un salario digno para vivir, “non pedimos máis”, dixo, “e condicións para ter persoal axeitado e formado, porque traballamos con persoas, non con caixas”.