BNG propón crear unha oficina antifraude para loitar contra a corrupción en Galiza pero o PP impide que saia adiante
- Iago Tabarés considera que os deputados populares quedan retratados co veto a un instrumento que busca evitar a fraude e protexer a democracia.
- O PP leva tempo deixando clara a súa posición no Parlamento, vetando por exemplo que Feijóo explique un incremento patrimonial en 850.000 euros.

O portavoz de Xustiza do BNG no Parlamento, Iago Tabarés, defendeu no Pleno a proposta nacionalista para crear en Galiza unha oficina antifraude independente do poder político como instrumento, explicou, para evitar que se perpetúe os “sistema de corrupción impune”. O voto en contra do PP, asegurou, demostra que “non ten vontade real” de loitar contra a corrupción.
Unha falta de vontade que o PP, asegurou, leva tempo deixando clara no Parlamento, impoñendo a súa maioría absoluta para, por exemplo, deturpar a comisión de investigación sobre os ‘chanchullos’ do PP nos contratos menores ou o sobreprezo de 470 millóns euros do Álvaro Cunqueiro, para evitar que se coñeza o documento secreto asinado entre Altri e a Xunta a través da Sociedade Impulsa ou para ocultar toda a información relativa aos contratos da Administración galega con Eulen, a empresa que dirixe en Galiza a irmá de Feijóo á que se lle deron 37 millóns de euros en adxudicacións a dedo.
Exemplo desa falta de vontade é así mesmo, engadiu, o veto a que Feijóo xustifique na Comisión do Estatuto do Deputado da Cámara galega un incremento patrimonial de 850.000 euros en ano e medio, “que hoxe por certo sería delito penal”. “Cal foi a resposta do PP? Non volver a convocar naquela lexislatura a Comisión do Estatuto do Deputado e tampouco a convocala agora para que unha das súas deputadas explique a relación non acreditada cunha empresa que contrata coa Xunta”, agregou.
O deputado do BNG advertiu que Galiza, as súas institucións e a cidadanía, non é allea á corrupción, evidenciándose —argumentou— a insuficiencia dos instrumentos existentes para evitala e perseguila. Destacou, neste sentido, que segundo o Índice Europeo de Calidade de Goberno, elaborado pola Universidade de Gotemburgo e utilizado pola UE para avaliar a calidade da gobernanza, conclúe que en Galiza existe unha percepción dun elevado nivel de corrupción, moi superior ao da media europea, ocupando ademais un dos peores postos dentro do Estado nese índice.
A oficina antifraude que propón o BNG segue o modelo das que funcionan xa desde hai anos en Cataluña, Navarra e mesmo Andalucía. Tamén das creadas por gobernos progresistas en Baleares e Valencia pero que PP e Vox desmontaron no primeiro caso e están sometendo a “demolición” no segundo.
Segundo a iniciativa nacionalista, a oficina antifraude funcionaría como instrumento con personalidade xurídica propia e gozaría de total autonomía e independencia funcional, adscrita ao Parlamento de Galiza. A súa actividade estaría encamiñada non só á prevención da corrupción, senón tamén á investigación de “todas as conductas susceptíbeis de ser constitutivas de fraude, corrupción ou conflito de intereses”, explicou Iago Tabarés, engadindo como outra das funcións deste organismo a de facer recomendación e propostas de plans ou proxectos normativos.
Regalos a costa da educación, a sanidade ou a vivenda
Na súa intervención, o deputado do BNG subliñou o prexuízo que a corrupción supón para a calidade democrática, para empresas que non poden acceder en condicións de igualdade aos contratos públicos en, en xeral, para o benestar da cidadanía. “Falamos de recursos públicos que por financiar organizacións políticas, por exemplo, deixan de destinarse a sanidade, educación, vivenda, estradas ou seguridade cidadá”, manifestou.
“Cando unha concesionaria fai ‘regalos de la hostia’ non é co seus fondos, eses regalos estámolos facendo todas e todos nós, a costa da sanidade ou o ensino”, denunciou.
Malia “sensación de impunidade” que transmite a corrupción, Tabarés recalcou que “non é un mal evitable” e que “a corrupción cero si é posible”. “O BNG leva moitos anos, décadas, gobernando en institucións sen causas de corrupción, totalmente limpo. Polo tanto, non todas somos iguais”, aclarou.