Redacción •  Galicia •  19/05/2025

Petición do Movemento Ecoloxista da Limia (MEL) aos partidos políticos: miren de fronte o problema e déixense de retórica, a saúde de todas está en risco

Acusan BNG e PSdeG-PSOE á Xunta de Galiza de non ter feito nada nestes últimos tres anos desde que en maio de 2022 masas de auga da Limia foron incluídas, por vez primeira e a instancias da UE, no mapa de augas afectadas por contaminación por nitratos.

Petición do Movemento Ecoloxista da Limia (MEL) aos partidos políticos: miren de fronte o problema e déixense de retórica, a saúde de todas está en risco

Xinzo de Limia, luns 19 de maio de 2025.- Con data do 29 de abril de 2025, o Grupo Parlamentario Socialistas rexistrou no Parlamento galego unha serie de preguntas dirixidas á Xunta de Galicia en relación á resposta autonómica á alerta de saúde pública lanzada pola demanda veciñal contra varias administracións públicas un mes antes.

Con data do 13 de maio de 2025, o Grupo Parlamentar do BNG repetiu a interpelación mes e medio despois de coñecida a demanda veciñal, e despois de que ambas formacións acordasen no pleno do Concello de Xinzo de Limia, o día 10 de abril, unha declaración -que contou co apoio do grupo de goberno (PP e AXIL)- na que non se fai mención ningunha ao problema de saúde que denuncian os veciños do encoro das Conchas e que afecta toda a conca do Limia.

Máis alá de que as interpelacións parlamentarias son retórica -como explicaremos máis adiante- cómpre subliñar como as dúas formacións da oposición veñen de introducir na cabeceira do seu discurso o asunto que debería ter disparado hai anos todas as alarmas: os riscos para a saúde que supón a contaminación das augas da conca do Limia.

Acusan BNG e PSdeG-PSOE á Xunta de Galiza de non ter feito nada nestes últimos tres anos desde que en maio de 2022 masas de auga da Limia foron incluídas, por vez primeira e a instancias da UE, no mapa de augas afectadas por contaminación por nitratos.

A nosa pregunta tamén é retórica: Que fixeron BNG e PSdeG-PSOE a través das institucións nas que están presentes ou mesmo gobernan, como concellos ou o propio goberno central, fronte a esta inacción?

Agora, cunha demanda veciñal apoiada por asociacións ecoloxistas e de consumidores españolas e un filántropo estadounidense, ambas formacións responden desde o Parlamento galego convertendo a alerta sanitaria en munición contra o Executivo autonómico cuestionando a actuación da Xunta sen achegar unha reflexión sobre as causas e causantes desta contaminación (non o fixeron até hoxe para non ter que sinalar o macrocomplexo industrial que determina o modo de produción agrícola e gandeiro nas comarcas limiás) nin achegar solucións para frear o avance desta contaminación (mirando sempre para outro lado cando científicos e ecoloxistas urximos a reducir a carga gandeira e introducir controis e novas prácticas na a xestión de residuos).

A retórica da oposición ao goberno do PP no país colle un camiño perigoso: o de poñer en cuestión as analíticas oficiais, o mesmo que fai o PP. Tempo tiveron, nestes tres anos (e antes), BNG e PSdeG-PSOE de se mirar as analíticas da CHMS (entidade dependente do Goberno do Estado) que son públicas. Non o fixeron. Ou se o fixeron, non as deberon considerar munición de suficiente calibre contra a administración autonómica, ou non quixeron contradicir unha das liñas principais dos seus discursos até hoxe: poñerse (retoricamente) do lado de gandeiros e agricultores denunciando os prexuízos que todo este ruído ao redor da contaminación das augas estaba a xerar no negocio (economía da Limia). Unha liña que, por certo, non abandonaron e que está no eixo da declaración institucional acordada no pleno de Xinzo de Limia en abril.

A incongruencia está en pretender manter dous discursos: un a nivel local, do lado dos (supostos) intereses de gandeiros e agricultores (como se agricultores e gandeiras non tivesen un interese superior na súa propia saúde e na saúde de todas); e outro a nivel de país sinalando á inacción da Xunta mentres se evita reclamar responsabilidades públicas ao Estado, presentes e pasadas, como se o problema de saúde pública fose unha alerta que apareceu agora, caída do ceo…

Cómpre repasar os programas electorais nas últimas municipais de 2023 e nas autonómicas de 2024, cando xa era coñecido o Decreto de 2022 instando á declaración de zonas vulnerábeis e o mapa de augas afectadas, para contrastar a relevancia que lle daban tanto o BNG como o PSdeG-PSOE á contaminación e a súa preocupación sobre «análises, datas, lugares (…) para comprobar o estado, cualidade e aptitude para o consumo humano das augas da conca do río Limia» e a «aptitude [das augas] para o consumo humano e/ou producir malos olores».

Faremos outras dúas preguntas retóricas (por ter unha resposta facilmente comprobable): Que había naqueles programas sobre isto? Cales eran as propostas fronte ao problema?

Será retórica tamén o súbito interese dos dous partidos da oposición parlamentar na Cámara galega sobre os impactos na saúde dunha contaminación que leva anos aí e até hoxe non souberon poñer no primeiro plano do problema? Desexamos que non, porque máis alá da munición política, o asunto é grave e a responsabilidade a futuro moi alta.

É xusto facer aquí unha mención á portavoz socialista en Xinzo Elvira Lama Fernández, ex alcaldesa e deputada provincial, que é a política que con máis claridade se ten pronunciado a respecto do risco para a saúde de veciñas e veciños polo estado das augas na conca da Limia. Demandamos ese mínimo de claridade en todos os representantes públicos.

Vímolo alertando hai lustros: se non se actúa xa, o problema crecerá, e mesmo actuando xa e de maneira axeitada, o problema nas augas tardará anos en desaparecer.

Non é momento para pensar na política como pensan os nosos partidos. É momento para que a política axude realmente para facer fronte a unha crise de saúde pública cuxos riscos potenciais descoñecemos e que afecta a todas e todos, poboación actual e poboacións futuras.

Basta de subterfuxios: apoien a demanda, apoien aos xuíces e ao fiscal para que en defensa da saúde pública determinen todas as responsabilidades, reclamen explicitamente os estudos sanitarios en todas as instancias, impoñan unha moratoria inmediata para empezar a reducir a carga gandeira, analicen e identifiquen medidas sobre a xestión dos excedentes agrícolas e gandeiras e impúlsenas.

Póñanse do lado da xente e non utilicen os problemas da xente, dos gandeiros, dos agricultores, nas súas batallas contra os seus adversarios. Deixen de ser parte do problema. E isto pedímosllo tamén ao PP, que certamente vén sendo parte importante do problema e segue pensando que pode «resolver» o problema en función dos seus intereses agochándoo á xente, botándolle a culpa aos outros ou poñendo no foco cuestións menores como a declaración de zona vulnerábel, que non é o problema (por moito que, nisto tamén, os partidos coincidan) e que sinxelamente debería ser unha parte máis da solución.

M.E.L. (Movemento Ecoloxista da Limia).


Movemento Ecoloxista da Limia /