Ourense en Común •  Redacción •  Galicia •  11/08/2018

Ourense en Común chama a atención sobre a problemática dos desbroces nos solares municipais

O grupo alerta de que o Concello terá que asumir sancións por seguir vulnerando a norma de limpeza dous meses e medio despois de rematar o prazo marcado pola Xunta. 

Ourense en Común chama a atención sobre a problemática dos desbroces nos solares municipais
“Co diñeiro de todas as veciñas e veciños de Ourense estanse pagando traballos que non existen nas zonas verdes, agora haberá que pagar sancións pola falta de cumprimento coa norma, e logo virá Seaga a facelo, pasando tamén por caixa”. Así avaliaba esta mañá Ourense en Común o estado de “total abandono” de numerosos solares de titularidade municipal, logo de coñecerse o convenio asinado onte entre a Xunta de Galicia e a Fegamp para que Seaga faga os traballos de desbroce pendentes nos concellos.
 
Se a Xunta esixiu que os propietarios de fincas procederan a limpalas antes do 31 de maio, “os concellos non son unha excepción”, explica Montserrat Valencia, edil de OUeC, que denuncia un incumprimento “clamoroso e reiterado” nos últimos anos no Concello de Ourense, e unha “irresponsabilidade deste goberno que pode saír moi cara, non só pola vulneración da norma, senon por supoñer unha ameaza para a vida de persoas e animais que habitan preto destas fincas sin limpar”.
 
A concelleira expón que a prevención dos lumes forestais é “un dos grandes retos das administracións públicas, e empeza polo cumprimento das normativas.”, polo que “cando o goberno non cumpre cos traballos que lle corresponden, mantén á cidade sen Plan Municipal de Emerxencias, ou precariza o corpo de bombeiros, amosa unha inconsciencia manifesta e insolidaria que está poñendo en grave risco a Ourense”.
 
O grupo apela ás veciñas e veciños a denunciar formalmente perante as institucións a “situación de desamparo” que vive Ourense. “Todas somos corresponsables á hora de detectar e notificar deste desleixo, para solventar á maior brevidade posible esta ineptitude municipal”.